Estreamos deseño e canle de Telegram

Hoxe queremos falarvos de nós. Como sabedes, o 19 de agosto de 2013 Mallando no Android sufriu un gran cambio estético e funcional, e comezamos a apostar por un deseño adaptado aos dispositivos móbiles, dado que o tráfico deste este tipo de trebellos comezaba a despuntar. O seguinte gran cambio deste estilo chegou o 14 de outubro de 2015, cunha imaxe máis simple e funcional coa que certamente estivemos bastante cómodas. Pero quixemos cambiar.

deseno-mallandroid-2016

Por iso hoxe inauguramos deseño, cunha cabeceira moito máis limpa na que atopamos o nome do blog e catro grandes áreas que categorizarán gran parte do contido: as aplicacións, os smartphones, as novas de operadoras / tarifas e, por último, as reviews de dispositivos.

Mantemos unha columna á dereita na que damos acceso ao buscador e ligazóns por se queredes suscribirvos ou facer unha pequena doazón que nos axude a manter vivo este proxecto. Podedes atopar máis información sobre o micromecenado ao proxecto nesta ligazón.

Ao abrir un artigo podedes ver que hai un mellor aproveitamento do ancho da columna e un tamaño de letra maior, algo que nos pedíchedes moito nos últimos tempos. Á hora de compartir os artigos a través das redes sociais podedes facelo mediante os botóns flotantes que aparecen á esquerda durante a lectura do mesmo ou ao final de todo, como até o de agora.

As melloras na versión móbil son aínda máis notorias, especialmente na velocidade de carga, que conseguimos multiplicar por cinco. Ademais resulta moito máis vistosa e adaptábel a todo tipo de pantallas, permitindo sempre ter a mellor versión da páxina.

Nova canle de Telegram: para non perderse nada

telegram

Xunto a todas estas novidades tamén estreamos canle de Telegram, abrindo unha nova xanela para o seguemento do blog, ademais das nosas redes sociais. Non tedes máis ca suscribirvos á nosa canle, dispoñíbel en https://telegram.me/mallandroid .

Comprometidas coa información tecnolóxica en galego

Con estes cambios, desde o equipo que formamos parte de Mallando no Android queremos reforzar o noso compromiso coa información tecnolóxica en galego, principalmente con todo o que ten que ver co universo Android, mais tamén co resto de opcións, gadgets e outras cuestións que consideremos de interese.

Tamén é o noso obxectivo principal seguir apostando pola nosa lingua e polo noso país, polo que seguiremos aportando o noso graíño de area para impulsar e visualizar de xeito especial o traballo feito polas desenvolvedoras, empresas e usuarias de Galiza ou con repercusión aquí.

Agradecemos a vosa confianza e ficamos dispostas a recibir as vosas impresións sobre os cambios. Benvidas e benvidos!

Deixa un Comentario