Movistar aumenta a velocidade a 50 megas sen custe desde hoxe

No XXX Encuentro de Telecomunicaciones, celebrado en Santander a comezos do mes de setembro, o presidente de Telefónica anunciou que a partir do mes de outubro a compañía actualizaría a velocidade mínima que ofrece a través de fibra FTTH, dos 30 aos 50 megas, sen que isto supuxese un incremento do prezo do servizo para as usuarias.

movistar fibra

Esta medida afecta a un millón de clientas de Movistar, o que vén a ser aproximadamente un terzo dos máis de tres millóns do total que ten contratada algunha modalidade de fibra óptica coa compañía, dado que o resto xa dispoñen neste momento de opcións de 100 ou 300 megas.

Os 50 megas simétricos (isto é, 50 megas de baixada e 50 megas de suba) son desde hoxe a nova velocidade mínima de referencia na oferta comercial de fibra Fusión de Movistar, quedando os 300 megas (tamén simétricos) para a oferta premium. Todas as novas altas xa non poderán contratar unha velocidade inferior, agás aquelas persoas que unicamente teñen acceso ás redes ADSL.

No caso das clientas actuais de Movistar, cambiar dos 30 aos 50 Mbps non supón nin un incremento no prezo nin tampouco a adquisición de novos compromisos de permanencia, mais non se fará de forma automática. Quen queira disfrutar da nova velocidade deberá dirixirse ao servizo de atención ao cliente da compañía para tramitar a actualización.

Malia os cambios de rumbo na velocidade de despregamento da rede de fibra, motivados por non querer abrir a súa rede á competencia para que esta poida ofrecer servizo indirecto, Movistar ten previsto chegar ao longo do 2017 coa fibra óptica a 20 millóns de fogares de todo o estado, chegando aos 25 millóns (a práctica totalidade dos fogares) no 2020, data que desde a Unión Europea se fixou para que todo o mundo teña acceso a conexións de banda larga.

Máis competencia en Galiza, pero queda moito por facer

En Galiza a operadora R lidera a banda larga fixa grazas á súa extensa rede de fibra e coaxial que chega a ducias de concellos coa oferta de 50/5, 150/15 e 350/35 Mbps. Expandíndose a un ritmo acelerado, Movistar sitúase segunda nese ránking coas súas alternativas de 50/50 e 300/300 Mbps, e finalmente Vodafone e Orange están a traballar conxuntamente no despregamento de rede, con opcións de 30/30, 50/50 e 300/300 Mbps.

Os núcleos urbanos son os máis beneficiados desta competencia pola fibra, ao tempo que as vilas máis pequenas e o rural quedan relegadas a un segundo plano. De ser certos os plans de Movistar, a través do despregamento por vía aérea, sustituíndo os cables de cobre por fibra, mesmo as casas illadas poderían disfrutar de velocidades de Internet acordes a estes tempos, mais en vista dos precedentes cómpre non sermos optimistas e agardar polos acontecementos.

Deixa un Comentario