Facebook lanza Messenger Lite para os teléfonos menos potentes

messenger-lite-1

Se por algo se caracterizan as aplicacións de Facebook é pola cantidade de recursos que empregan nos nosos dispositivos, sobre todo en canto a memoria. Isto pode ser desprezábel nos trebellos máis actuais ou naqueles que contan cunhas especificacións de altura, pero nos teléfonos máis antigos ou simples pode acabar sendo un suplicio.

Por iso, a compañía que dirixe Mark Zuckerberg leva tempo traballando en mellorar isto, aínda que o camiño a seguir foi o de pór a disposición das usuarias aplicacións alternativas, que co apelido “Lite” resultan máis lixeiras. Se xa tiñamos Facebook Lite, agora é a quenda de Messenger Lite, que como podedes imaxinar é unha versión reducida da aplicación de chat e mensaxería.

Messenger Lite pesa menos de 10 MB, unha cantidade irrisoria fronte os preto de 200 que ocupa a versión estándar. Porén, e por raro que poida parecer, isto non implica que a aplicación perda as súas funcionalidades imprecindíbeis, como o chat, os emojis e stickers ou o envío de fotografías e ligazóns a webs. Perde, iso si, opcións relacionadas coas chamadas de voz e outras características máis avanzadas, aínda que estas funcións non chegaron a ser usadas nunca por moitas usuarias.

A nova aplicación xa está dispoñíbel en varios mercados, non así no noso, aínda que nada impide que poidammos facer a descarga manual para proceder á súa instalación e poder comezar a empregala desde xa. Descubriredes que o logotipo que a identifica é o mesmo, iso si, coas cores invertidas para poder identificala rapidamente, o mesmo que ocorre en Facebook Lite.

En resumo, se o voso uso de Facebook Messenger é mínimo e coas opcións de chat que permite a versión Lite tedes abondo, a nosa recomendación é que lle deades unha oportunidade, pois nunca está de máis alixeirar os nosos trebellos para que vaian algo máis rápidos.

Sobre o autor

No Responses

Reply