Orange levará Internet a 500/500 Mbps a 822 colexios de Galiza

orange

Arredor de 200.000 alumnas e alumnos de 822 colexios de toda Galiza terán acceso a unha conexión de fibra óptica de 500 / 500 Mbps e unha rede WiFi de 30 Mbps, como resultado da primeira licitación de Red.es dentro do Programa Escuelas Conectadas. Dito programa ten como obxectivo garantir o acceso escolar ás TIC, tanto no que ten a ver co equipamento das aulas como no acceso á rede mediante conexións de banda larga.

Orange foi a compañía que gañou esta primeira licitación, cun importe inicial de 14,6 millóns de euros para os próximos catro anos, quedando a porta aberta a unha prórroga de dous anos máis. Nesta primeira fase do Programa Escuelas Conectadas, que conta cun orzamento xeral de 330 millóns de euros, o obxectivo era proporcionar acceso a Internet de banda ultrarrápida de cando menos 100 Mbps a todos os centros educativos de Galiza, así como facer todo o necesario para o despregamento interior de redes sen fíos.

Galiza, territorio referente na estratexia de Orange

Segundo explican fontes da operadora laranxa, Orange ten previsto acadar os 14 millóns de fogares en todo o estado conectados á rede de fibra no 2019 (actualmente teñen algo máis de 8,3 millóns de fogares), e apostar polo mercado de grandes empresas e as adxudicacións das administracións públicas.

No caso concreto de Galiza, desde Orange explican que esta adxudicación ligada aos colexios entra dentro dunha “aposta estratéxica na rexión”, e citan como fito importante o acordo acadado con R – Euskaltel para fornecer á operadora galega de acceso á rede móbil, migración que xa está en proceso.

Aulas con equipamento TIC e mala conexión a Internet

Segundo un estudo da Unión Europea, o nível de equipamento TIC nas aulas nos centros educativos do estado español atópase por riba da media da zona euro, mais moitos colexios non dispoñen de bos accesos á rede que permitan sacar proveito a estes equipamentos.

Por iso o Programa Escuelas Conectadas ten como principal obxectivo paliar os problemas de acceso á rede, xa que hoxe en día boa parte dos materiais que se empregan con fins educativos están dispoñíbeis na Internet e precisan conexións de calidade.

Sobre o autor

No Responses

Reply