Analizamos o CAT S60, un teléfono que o aguanta todo

cat-s60-1

Presentado no marco do Mobile World Congress, o CAT S60 é un dispositivo que non deixa indiferente a ninguén. Forma parte dese grupo de dispositivos coñecidos como os “teléfonos robustecidos”, terminais que contan cun deseño especial para aguantar todo tipo de inclemencias.

Deseño, acabado e conexións

Ter un dispositivo robustecido non está reñido con apostar por coidar o deseño. Fronte outros trebellos que temos visto no pasado de CAT, no CAT S60 cóidase a liña, bordeando todo o lateral un marco metálico que combina co plástico da capa traseira.

cat-s60-3

No lateral esquerdo temos un botón de acendido e outro configurábel, e un pouco máis abaixo o de SOS e o acceso mediante lapela ao conector microUSB, que empregaremos para cargar o dispositivo ou transferir datos. Nese mesmo lado e case na esquina, tamén coa súa lapela protectora, está o jack de audio 3.5, mentres que no outro lateral unicamente temos os controis de volume.

Todos os botóns que bordean o dispositivo son robustos. Tamén o son os tres botóns físicos presentes na parte frontal: atrás, inicio e multitarefa. Tanto na parte superior como inferior frotnais atopamos un pequeno interruptor que nos permite seleccionar 3 ou 5 metros. Isto refírase á profundidade de sumerximento na auga, sendo o máis habitual mantelo nos 3 metros e seleccionar a outra opción (5 metros) para profundidades maiores, xa que protexe de xeito especial o micrófono e o altofalante.

cat-s60-5

Na parte traseira temos as dúas cámaras co seu flash LED, e unha nova lapela baixo a que temos o espazo para a tarxeta nanoSIM e para a microSD que nos permite aumentar o espazo da memoria interna.

Na man é un dispositivo que resulta pesado, mais ao tempo isto serve para convencernos de que efectivamente é un dispositivo duro. O gran tamaño dos botóns está pensado para poder usar o dispositivo empregando luvas de traballo, xa que se trata dun teléfono pensado para profesionais, como poderían ser madeiristas, empregadas dunha mina, ou xente que emprega máquinas de grandes dimensións (como as Catepillar do fabricante deste dispositivo).

Hardware e rendemento

CAT deu con este CAT S60 un importante salto de calidade, posto que até o de agora as especificacións técnicas eran máis ben sinxelas. Conscientes de que as necesidades das usuarias aumentaron, neste S60 vemos como as características son os dun gama media alta, o que nos permite levar a cabo máis operacións cunha boa resposta.

cat-s60-4

No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 6170, de oito núcleos a 1,5 GHz, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que como xa comentamos antes podemos aumentar mediante tarxetas microSD. Ademais dispón de conectividade LTE (4G) Cat 7.

Nas nosas probas atopamos este hardware suficiente para a meirande parte das actividades habituais que realizamos cun smartphone, quizais algo xusto cando falamos dalgún xogo concreto, aínda que ben é certo que este non é a función que se lle vai dar a este modelo.

Pantalla

O dispositivo integra un panel HD de 4,7 polgadas (720p), con alto nível de brillo para poder traballar con el sen problema algún en exteriores e entornos hostís, onde terá o seu hábitat natural. Está deseñada de tal forma que funciona con moita precisión usándose coas mans molladas e con luvas, algo que efectivamente dicían as súas características técnicas máis que nos sorprendeu positivamente durante as probas de campo.

Precisión e boa visibilidade en entornos con moita luz, mais unha resolución mellorábel. Tamén é certo que non se aspira a empregar este dispositivo para consumir contidos en FullHD, mais certamente a estas alturas non tería sido mala idea ir un paso máis aló do HD. Quedará para a seguinte versión

Cámaras

No apartado fotográfico atopámonos cunha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frorntal de 5 Mpx. A maiores, na parte traseira dispón dunha cámara térmica FLIR, sendo o primeiro dispositivo móbil en incorporala, o que nos permite medir en tempo real ou capturar en foto ou vídeo as temperaturas do noso entorno.

cat-s60-flir-1

cat-s60-flir-2

Máis aló de ser algo propagandístico, isto ten moitos usos profesionais, como podería ser a visión a través do fume (pensemos por exemplo no corpo de bombeiros) como estimar a temperatura de alimentos (algo interesante para xente que se encargue da xestión ou almacenaxe de alimentos).

Batería

A batería ten unha capacidade de 3800 mAH, que na práctica tradúcese en día ou día e medio de autonomía para un uso intenso, polo que non perdoa o paso diario polo cargador para garantir aguantar o día seguinte con carga.

Software

cat-s60-2

O CAT S60 vén con Android 6.0 Marshmallow sen capa de personalización, polo que podemos gozar dunha experiencia “moi Google”. Inclúe aplicacións propias de diversa índole e unha “Play Store” chamada App Toolbox, con ferramentas útiles en forma de app para as usuarias profesionais ás que está orientada o teléfono. Hainas de todo tipo e para todos os gustos, como podedes ver nesta mostra.

cat-s60-app-toolbox

Así mesmo, tamén dispón de titoriais para saber empregar o teléfono e sacarlle todo o partido, ou unha funcionalidade de secado rápido do altofalante tras os somerxementos mediante un ciclo de sons e vibracións. Con todo, o que máis chamou a nosa atención foron os sistemas de alarma, que nos permite autolocalizarnos para pedir axuda, activar avisos de emerxencia e mesmo lanzar un sinal luminoso de SOS co flash para favorecer a nosa localización.

cat-s60-emerxencia

Conclusións

O CAT S60 non é un dispositivo para todo o mundo, senón para ese tipo de perfís profesionais dos que falamos ao longo de todo o artigo. Pensamos que foi moi positivo o salto cualitativo levado a cabo por este fabricante, e certamente agora é capaz de ter mercado un teléfono resistente que ao tempo move ben todo tipo de aplicacións e saca boas fotos.

As funcionalidades profesionais e as posibilidades da súa cámara son os seus grandes puntos para diferenciarse de outros trebellos semellantes da (pouca) competencia que existe neste ámbito, o que confirma que CAT pode dar moito que falar cos próximos trebellos.

O CAT S60 pódese mercar en tendas moi específicas, aínda que é máis doado conseguilo online a través de Amazon por algo menos de 600 euros.

One Response

  1. Javier Pico 12 Outubro, 2016 Responder

Deixa un Comentario