Intex chega ao noso país con prezos baixos e 4 anos de garantía

intex-1

INTEX Technologies, unha multinacional de orixe indio, vén de desembarcar no noso país trendo tres propostas baixo o brazo, tres teléfonos que se venderán por 85, 109 e 139 euros, aínda que por tempo limitado. Neste prezo tamén se inclúe algún accesorio que xa vén no pack de venda, como unha funda protectora.

Porén, o máis sorprendente é que estes trebellos de INTEX veñen con catro anos de garantía, o dobre do que obriga a lexislación que se aplica a este tipo de produtos no estado español. Vexamos as súas propostas máis polo miúdo.

Aqua PRIME 3G: un básico por 85 euros

O Aqua PRIME 3G é o dispositivo máis modesto dos tres modelos. Incorpora unha pantalla HD de 5,5 polgadas (resolución 1280 x 720 píxeles), e no seu interior leva un procesador MediaTEK MTK6580 (catro núcleos a 1,3 GHz), xunto 1 GB de memoria RAM e uns escasos 8 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 64 GB.

intex-aqua-prime-3g

As cámaras son de 5 e 2 megapíxeles, ambas con flash LED, e dispón de conectividade 3G HSPA+. A súa batería é de 2800 mAh e o sistema operativo Android 5.0 Lollipop, que imaxinamos non chegará a ser actualizado nunca a versións posteriores.

Aqua SHINE 4G: un teléfono equilibrado por 109 €

O seguinte modelo é o PRIME 4G, que como ben indica o seu nome é compatíbel coas redes 4G. Dispón dunha pantalla IPS HD de 5 polgadas (1280 x720 píxeles) e procesador MediaTek MTK6735P, de catro núcleos a 1 GHz. Leva 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna (+ microSD de até 128 GB).

intex-aqua-shine-4g

As súas cámaras con flash son de 8 e 5 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente. A batería sube até os 3000 mAh de capacidade, que en conxunto cunha pantalla de menor tamaño debera traducirse en máis autonomía ca no PRIME 3G, e o sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow.

Aqua S9 Pro: prestacións máis avanzadas por 139 €

Xa por último, o Aqua S9 Pro é o terminal máis avanzados desta primeira remesa de dispositivos INTEX que chegan ao noso país. Incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas cunha lixeira curvatura 2.5D e resolución HD (1280 x 720 píxeles), procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ademais de expansión por microSD de até 128 GB.

intex-aqua-s9-pro

A súa batería é de 3670 mAh, as cámaras de 13 e 5 megapíxeles, ao igual ca nos outros dous modelos con flash LED. Dispón de lector de pegadas dixitais e conectividade 4G.

Que vos parecen?

Deixa un Comentario