Honor 8 Smart, a versión “mini” do dispositivo referencial de Honor

Honor, a segunda marca comercial do fabricante chinés Huawei, puxo á venda a finais do mes de agosto o Honor 8, un dispositivo cunhas características técnicas moi semellantes ao Huawei P9 pero orientado a un público máis xuvenil, ademais de ter un prezo máis contido.

honor-8-smart-1

Agora vén de ser presentado na India a versión “mini” deste modelo, o Honor 8 Smart, cun deseño practicamente idéntico á versión estándar, aínda que como principal diferenza perde unha das súas dúas lentes na cámara traseira.

O Honor 8 Smart integra un panel IPS de 5,2 polgadas con resolución 1920 x 1080 píxeles (424 píxeles por polgada), e no seu interior leva un procesador Kirin 650 de oito núcleos a 2 GHz, xunto 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD en até 128 GB adicionais.

A cámara traseira é de 13 megapíxeles con apertura f/2.0, e a frontal de 8 megapíxeles, mentres que a súa batería ten unha capacidade de 3000 mAh. Ademais dispón de dual SIM LTE, WiFI 802.11 a/b/g/n, USB Tipo C e  lector de pegadas dixitais.

Cámara de lente única

Como xa comentamos, a principal diferenza co modelo estándar do Honor 8 é a súa cámara, que pasa a ter unha única lente de 13 megapíxeles en lugar do sensor doble de 12 megapíxeles. Este dobre sensor permitía no Honor 8 obter imaxes con maior profunidade e distintos desenfoques. Fóra diso, a cámara do Honor 8 Smart promete ter uns resultados que, sen igualar os do irmán superior, serán máis que positivos.

De momento só está confirmada a súa posta á venda na India, país no que foi presentado. Aló vaise comercializar por un prezo que se sitúa nos 260 euros co cambio actual. Veremos se tamén temos a sorte de que Honor faga o esforzo de traer este novo modelo a Europa.

Deixa un Comentario