Un nível máis para os Chromebooks co novo Samsung Chromebook Pro

samsung-chromebook-pro-1

Malia non vir acompañados de pomposas campañas publicitarias, cando menos en territorio europeo, cada pouco tempo chéganos información dun novo Chromebook que se presenta ou pon á venda, case sempre nos Estados Unidos. Desta vez trátase dun modelo fabricado polos surcoreanos Samsung, o Samsung Chromebook Pro, que a marca a diferenza con outras opcións da competencia ao incorporar un stylus.

Porén, contar cun lapis non é a única característica a destacar deste trebello, posto que o seu deseño tamén chama a atención, xa que a súa pantalla pode xirar 360 graos e acabar convertida nunha tablet de 12,3 polgadas. Esta é unha característica que as usuarias deste tipo de ultraportátiles están a demandar moito nos últimos tempos.

samsung-chromebook-pro-2

En canto ás súas especificacións técnicas, do primeiro que imos falar é da súa pantalla. Como xa dixemos, trátase dun panel táctil de 12,3 polgadas con formato 3:2 e resolución de 2400 x 1600 píxeles, o que fai que teña unha densidade de 234 píxeles por polgada (ppp). Se falamos do brillo, este cada un nível de 400 nits.

samsung-chromebook-pro-5

Xa no seu interior temos un procesador ARM de seis núcleos a 2 GHz, dos cales 2 son Cortex-A72 e 4 Cortex-A53. Están acompañados de 4 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 32 GB, ampliábeis mediante microSD. Dispón de 2 portos USB Tipo C e unha batería que, segundo afirma o fabricante, permite 10 horas de traballo ininterrompido.

samsung-chromebook-pro-3

O stylus lémbranos, polo seu deseño, aos S Pen da gama Galaxy Note, aínda que semella que Samsung non tería engadido aplicación propia algunha coa que poder darlle un uso máis avanzado. O stylus deste Chromebook está pensado para facilitar tarefas como o debuxo ou a introdución de texto na pantalla.

samsung-chromebook-pro-4

Centrándonos no que sería o deseño, ten unhas dimensións e peso bastante acotados. Estamos falando dunhas medidas de 27,94 x 22 x 1,39 centímetros, e un peso total de 1,08 kg. As teclas que compoñen o teclado completo están lixeiramente curvadas e teñen retroiluminación para que sexa máis cómodo traballar con elas.

Está previsto que o Samsung Chromebook Pro saia á venda nos Estados Unidos proximamente por un prezo que rondaría os 500 dólares, algo máis de 450 euros. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply