O Honor 6X é oficial, e chega con dobre cámara traseira

honor-6x-1

Honor, a marca alternativa de Huawei, vén de facer oficial o lanzamento do Honor 6X, un dispositivo que recibe a dobre cámara traseira que se está a facer habitual nos trebellos de Huawei, logo do Huawei P9, e de Honor, co Honor 8. Con este movemento vense a confirmar que esta prestación deixa de ser unha das características exclusivas dos dispositivos de alta gama, e que seguramente seguiremos vendo como outros modelos máis modestos vana adoptando tamén.

O novo Honor 6X forma parte desa gama media premium, integrando unha pantalla IPS de 5,5 polgadas con resolución 1920 x 1080 píxeles e curvatura 2.5D e, no seu interior, un procesador Kirin 655 de oito núcleos, con velocidades de reloxo de 2,1 e 1,7 GHz.

Ten ademais 3 ou 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna (ampliábeis mediante microSD de até 128 GB), segundo a versión. A cámara principal é unha lente dobre, unha de 12 e outra de 2 megapíxeles, e a frontal fica nos 8 megapíxeles.

Complementando a listaxe de especificacións temos dual SIM, lector de pegadas dixitais, unha batería de 3340 mAh e Android 6.0 Marshmallow coa interface EMUI 4.1.

Dobre cámara traseira para uns resultados superiores

Non cabe dúbida de que o elemento diferenciador deste smartphone fronte outras propostas da competencia na súa gama é a súa dobre cámara traseira. Neste caso o fabricante apostou por introducir dous sensores diferentes, un de 12 e outro de 2 megapíxeles.

honor-6x-2

A idea disto é que, usados en conxunto, as usuarias poidan ter un mellor resultado nas imaxes nas que xogamos cos desenfoques. Completando as prestacións da cámara principal, o sensor de 12 megapíxeles ten autoenfoque por detección de fase, e en conxunto un flash tipo LED.

Dispoñibilidade

O Honor 6X estará dispoñíbel en acabados metálicos en varias cores (dourado, prata, gris, rosa dourado e azul). Polo de agora non está confirmado se vai chegar ao noso país de maneira oficial, mais para podernos facer unha idea, na China venderase por uns 135 € ao cambio a versión de 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna e duns 215 € a de 3 GB de RAM e 64 GB de memoria.

Deixa un Comentario