Analizamos a Vodafone Tab Prime 7, unha das últimas tablets de Vodafone

vodafone-tab-prime-7-1

Vodafone continúa coa súa aposta por ofrecer dispositivos de marca propia no seu catálogo de produtos. Hoxe queremos falarvos da nova Vodafone Tab Prime 7, unha tablet que lanzaron hai apenas un par de semanas e que estivemos probando nos últimos días. Estas son as nosas impresións.

Deseño, acabado e conexións

A tablet ten un deseño compacto, no que o marco lateral é un continuo coa tapa traseira, fabricado en metal. Na parte dianteira temos a pantalla, bordeada dun marco que se fai algo máis ancho nas partes superior e inferior, onde situamos os dedos para soster a tablet cando a temos en horizontal, por exemplo ao disfrutar de contidos multimedia.

vodafone-tab-prime-7-2

No lateral dereito sitúanse os botóns, o de acendido na parte superior e os controis de volume na parte inferior. Nese mesmo lado, pero máis centrado, temos unha lapela sobre a cal se agocha o espazo para a tarxeta SIM e a de ampliación de memoria. Na parte superior sitúase tanto o cargador microUSB como o jack 3.5 de audio. Finalmente, os altofalantes están na parte superior e inferior frontais, un espazo que nos pareceu moi ben escollido para evitar tapalos cos dedos ao suxeitar o dispositivo.

As sensacións co trebello nas mans son moi positivas, non só polos acabados de calidade e o compacta que resultan, senón tamén por ter un dispositivo fermoso ao tempo que é un gadget cómodo de manexar.

Hardware e rendemento

Moi lonxe no tempo quedaron as épocas nas que falar de terminais de marca branca era falar de trebellos de pouca calidade, e a Vodafone Tab Prime 7 é unha mostra diso. Se boas eran as sensacións que tivemos co seu deseño e ergonomía, boas foron tamén as de rendemento.

O dispositivo está equipado cun procesador Qualcomm de oito núcleos, o modelo Snapdragon 430, xunto cun chip LTE que nos permite velocidades de navegación en rede móbil de até 150 Mbps. Leva 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 64 GB.

Con estas especificacións o dispositivo manéxase moi ben con varias aplicacións abertas e xestiona a súa potencia de maneira equilibrada, con tempos de reacción practicamente inmediatos en todos os casos.

Pantalla

Malia que o sete do seu nome poida levar a enganos, a tablet incorpora unha pantalla tipo IPS de 10,1 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1200 píxeles, 224 píxeles por polgada). Trátase da calidade mínima a exixir nun dispositivo destas características, e para os usus e público ao que está dirixido resultan máis ca suficientes.

A experiencia de usuario é boa, a pantalla acusa nitidez e un amplo percorrido do nível de brillo, o que nos permite traballar co dispositivo en diferentes ambientes (exteriores e interiores) con comodidade e sen molestias nos ollos. Bótase en falta, iso si, que o dispositivo tivese un sensor para poder axustar o nível de brillo automaticamente, xa que a súa ausencia fainos acudir á barra de notificacións para modificalo segundo as nosas necesidades.

Cámaras

O apartado fotográfico foi o menos coidado por Vodafone neste dispositivo, aínda que vén é certo que é o menos importante nunha tablet. A cámara traseira é un sensor de 5 megapíxeles e a frontal de 2 Mpx.

Ambas as dúas serven para ter uns resultados aceptábeis, mais non para presumir das imaxes tomadas con elas. A ausencia de flash na cámara traseira limita bastante as posibilidades á hora de sacar fotografías medianamente boas en entornos con pouca luz.

Batería

A batería que inclúe ten unha capacidade de 5830 mAh, que nos sorprendeu gratamente, conseguindo dous días de uso intenso da tablet malia apostar principalmente por facer uso da rede móbil.

O contrapunto é o habitual neste tipo de dispositivos: ter unha batería de grandes capacidades tamén implica ter uns tempos de carga maiores aos que estamos acostamados para os móbiles, e neste aspecto non dispór de sistema de carga rápida nótase.

Software

A Vodafone Tab Prime 7 vén con Android 6.0 Marshmallow de serie. A operadora non se pronunción sobre se está nos seus plans levar a cabo algún tipo de actualización a versións posteriores, como podería ser Android 7.0 Nougat.

Como vén sendo habitual nos dispositivos comercializados baixo a súa propia marca, Vodafone optou por non aplicar capas de personalización á tablet, mais aló da aparición do seu logotipo na animación de inicio. Onde si que se nota a man de Vodafone é na presenza do set de aplicacións propias da operadora, como Call+ e Message+ ou Mi Vodafone, aínda que tampouco é algo que moleste xa que, ao fin e ao cabo, se somos usuarias da compañía, sírvennos para sacar máis proveito aos seus servizos.

Conclusións

A Vodafone Tab Prime 7 é un dispositivo que, analizada no seu conxunto, resolve as necesidades xenéricas de calquera usuaria dunha tablet: ten un deseño fermoso e compacto, manténdose por baixo dos 450 gramos de peso, resolve moi ben as demandas das aplicacións e inclúe conectividade móbil completa, o que fai que sexa un dispositivo moi a ter en conta se temos necesidades de mobilidade.

Podemos conseguila a través das tendas físicas ou da tenda online de Vodafone, e o seu prezo dependerá de se queremos mercala libre (209 €), se somos clientas de Vodafone e pagamos de vez (192 €) ou se vencellamos a súa compra a un plan de datos, podendo neste caso financiala a dous anos.

Deixa un Comentario