Xa se pode reservar o Sony Xperia Ear

her

Sóavos a peli Her? Senón a víchedes, recomendámovola 🙂

O produto do que hoxe imos falarvos parécese moito ao trebello que empregaba Theodore (interpretado por Joaquin Phoenix) para falar con Samantha, a voz da intelixencia artificial que cambiaría a súa vida, Her. Pero deixando ficción a un lado, no “Mundo Real TM” temos o novo Sony Xperia Ear, que xa podemos pre-reservar no noso país por 199 euros.

xperia-ear

O Sony Xperia Ear é un asistente persoal deseñado para ir colocado no noso oído, como se dun auricular sen fíos se tratase. A súa principal función é axudarnos a realizar funcións a través dunha conversación de voz e dos movementos da nosa cabeza. Isto fai que, por exemplo, poidamos comunicarnos sen ter que perder a perspectiva do que esteamos a facer nese momento.

xperia-ear_paris

O Xperia Ear vén equipado cunha intelixencia artificial deseñada por Sony para este trebello (entre outros). Chámase Sony Agent, e é a encargadA de achegarnos todo tipo de información de utilidade que lle pidamos, como podería ser a nosa axenda de eventos, a meteoroloxía ou as últimas novas de actualidade.

O sistema responde a comandos verbais, de maneira que non temos que aprendernos unha recua de frases feitas. Deste modo, podemos pedirlle que faga por nós unha chamada, unha busca na Internet, dictarlle unha mensaxe ou indicarlle que nos guíe a un determinado enderezo.

O Xperia Ear tamén pode lernos as mensaxes entrantes, xa sexan SMS, WhatsApp’s ou conversas do Messenger de Facebook, así como iniciar a resposta ás mesmas cun simple movemento de cabeza, eliminando por completo a necesidade de ter que andar collendo o teléfono para facer todo.

Como comentamos ao comezo, o Sony Xperia Ear custará 199 euros e xa se pode reservar. Aquelas persoas que o adquiran mediante reserva recibirán ademais un desconto de 50 euros para mercar calquera smartphone na tenda online de Sony.

Reserva | Sony

Deixa un Comentario