Como descargar todos os Vine’s (propios ou non) antes de que peche o servizo

vine-dep

Vine pecha. A aplicación de vídeos de 6 segundos mercada por Twitter hai uns anos foi perdendo fol nos últimos tempos, en grande medida polo auxe do vídeo en Twitter, o éxito de Snapchat e as máis recentes Stories de Instagram. Isto levou a que a compañía tomase unha decisión ao respecto do seu futuro, que de seguro non será do agrado das usuarias e creadoras da mesma:o peche de Vine.

En calquera caso, o peche non será inmediato, senón que terá lugar nunha data aínda indeterminada dentro duns meses. Porén, nestas primeiras horas xa apareceu quen se ofreceu a mercar esta plataforma, entre eles PornHub. O presidente do portal de vídeos porno, Corey Price, enviou unha carta a Jack Dorsey, CEO de Twitter, ofrecéndose a mercar Vine ao tempo que asegurou que “6 segundos son máis ca suficientes”, pero imaxinamos que isto quedará nunha simple anécdota.

Como recuperar os Vine’s antes de que peche

Desde Twitter aseguraron que porán a disposición das usuarias de Vine unha ferramenta que permitirá realizar unha copia de seguridade dos vídeos subidos á rede, aínda que de momento isto non está dispoñíbel. En calquera caso, existen ducias de alternativas que nos permiten descargar estes vídeos, sexan as propias creacións ou as realizadas por outras usuarias da aplicación.

Desde a Play Store podemos instalar varias aplicacións que nos permiten gardar calquera Vine público, como vDownloadr ou Saver for Vine. O seu funcionamento é moi sinxelo, basta con pegarlle a URL do Vine a descargar e a aplicación xa nos garda o vídeo no noso smartphone ou tablet.

Se preferides non ter que instalar ningunha aplicación e gardar os vosos Vine’s favoritos no ordenador podedes acceder desde calquera navegador web a KeepVid.com, que funciona do mesmo xeito: pégaselle a ligazón correspondente e descárgase, neste caso á memoria do noso ordenador.

giphy-vine

A todas estas opcións tamén se sumará proximamente Giphy. O popular servizo de gifs anunciou que traballa nunha ferramenta que permitirá convertir os nosos Vine’s favoritos en gifs, unha alternativa que non soa nada mal dado o auxe que están a ter este tipo de contidos, non credes?

Deixa un Comentario