Filtrado o novo Xiaomi Redmi 4, que podería ver a luz antes de fin de ano

xiaomi-redmi-4-filtrado

Xiaomi é sen dúbida dos fabricantes chineses alternativos máis coñecidos e desexados polas usuarias, en grande medida por ofrecer dispositivos premium a prezos moi contidos. Porén, Xiaomi tamén dispón dunha gama media que resulta aínda máis económica. É a liña Redmi, da que esperamos con impaciencia a súa renovación, prevista para antes de que remate o ano.

O Xiaomi Redmi 4 que prepara a marca vén de pasar por TENAA, a entidade certificadora, o que permitiu descubrir practicamente todas as súas características. Disto podemos concluír que hai unha mellora de practicamente todas as súas especificacións fronte a versión anterior.

Atendendo a estas informacións, o Redmi 4 incorporará unha pantalla de 5 polgada con resolución Full HD, e no seu interior levará un procesador fabricado por Qualcomm de oito núcleos. Descoñécese cal será a versión exacta do mesmo, pero o Snapdragon 626 é o que ten todas as papeletas.

Polo demais, teríanse 3 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna, unha capacidade que poderá ser ampliada mediante tarxetas microSD. As cámaras serían de 13 e 5 megapíxeles, para traseira e frontal respectivamente e a batería de 4000 mAh, sendo o único aspecto no que semella haber un pequeno retroceso fronte a versión anterior.

Polas imaxes filtradas podemos confirmar que o Redmi 4 integrará lector de pegadas dixitais na parte traseira do dispositivo, preto da cámara. Sería bo que, ao igual que os últimos modelos de Xiaomi presentados, tivese compatibilidade coas redes a nível global, para poder usar todas as bandas de 4G no noso país.

Semella que o Xiaomi Redmi 4 chegará inicialmente en tres cores (prata, gris escuro e dourado), aínda que non sería de extranar que a posteriori apareza unha versión en rosa. O seu prezo, atendendo ás filtracións, podería dobrarse fronte o inicial do Redmi 3, mais para iso teremos que agardar á súa presentación oficial. Será antes de que acabe o ano?

Sobre o autor

Reply