Google alíase con Mastercard e Visa para poder pagar con Android Pay en calquera web

android-pay-visa-master-card

Levamos moitísimo tempo agardando a que Google dea o paso e se decida a lanzar a súa plataforma de pagos móbiles, Android Pay, no noso país, tanto que semella que ese momento non vai chegar nunca. Mentres tanto, a compañía con sede en Mountain View segue implementando melloras na app, desta vez integrando os sistemas de pago web de Visa e Mastercard para facer pagos desde o móbil en calquera tenda online.

Esta importante novidade, que será efectiva a partir de comezos do ano que vén, é posíbel logo de que Google teña selado sendas alianzas con Visa e Mastercard para poder integrar as plataformas de pago web destas empresas – Visa Checkout e Masterpass, respectivamente – dentro da aplicación Android Pay.

A gran vantaxe de empregar o sistema de pagos móbiles de Google para facer efectivos os pagos das nosas compras a través da web é a comodidade, xa que non temos que introducir a man os nosos datos persoais en cada compra que fagamos nin tampouco que iniciar sesión. Deste modo, finalizar as compras é tan sinxelo como revisar a app Android Pay para ver se o importe a pagar é correcto e confirmar o pago co sensor de pegadas dixitais.

Polo de agora Android Pay está dispoñíbel nos Estados Unidos, Reino Unido, Singapur, Australia e Hong Kong, e Google non preanunciou outros lugares, así que semella que aínda imos ter que agardar un tempo para velo por aquí.

Máis info | Google

Deixa un Comentario