Analizamos o Asus Zenfone 3 Max, con batería de 4130 mAh

asus-zenfone-3-max-1

Nos últimos días estivemos a probar o Asus Zenfone 3 Max, un trebello que nos deixou moi bo sabor de boca. Trátase dun modelo de gama media que fai gala da súa batería de 4100 mAh, que se traduce nunha envexábel autonomía que nos permite dous días de uso a pleno rendemento.

Deseño, acabado e conexións.

O Zenfone 3 Max é un dispositivo de 149,5 x 73,7 x 8.55 mm e 148 gramos de peso. Como se ve, ten un grosor e un peso un pelín superior aos teléfonos habituais deste tamaño, que se xustifican pola súa batería de maior capacidade.

asus-zenfone-3-max-3

En canto ao deseño, Asus apostou por unhas liñas moi clásicas e os bordes redondeados, que facilitan o seu agarre e axudan a ter a sensación dun dispositivo menos groso do que en realidade é. O acabado da parte traseira é en metal, cun aspecto unibody e liso que só se ve interrompido pola necesaria liña de antenas.

asus-zenfone-3-max-4

Todos os botóns, acendido e volume, sitúanse no lateral dereito do dispositivo, quedando reservado o lado oposto para a bandexa extraíbel na que podemos introducir unha microSIM, nanoSIM, microSD ou diversas combinacións destas (microSIM + nanoSIM, microSIM + microSD). Na parte superior sitúase o jack de audio 3.5 mm e na inferior o microUSB para cargar o terminal ou transferir datos. Xa por detrás, onde a cámara principal, temos o lector de pegadas dixitais, un elemento imprescindíbel nestas datas.

Hardware e rendemento

En canto a hardware, o Zenfone 3 Max integra un procesador MediaTek de catro núcleos, con opcións de 2 GB de RAM + 16 GB de memoria interna ou 3 GB de RAM + 32 GB de memoria interna, en ambos casos ampliábeis mediante microSD de até 32 GB. A maiores, Asus ofrece 5 GB de almacenaxe no seu disco duro na nube (Asus WebStorage) de por vida e 100 GB extra de espazo en Google Drive, aínda que neste caso con 2 anos de caducidade.

En canto a conectividade, vén con Bluetooth 4.0, GPS e A-GPS e estándar de rede LTE Cat4, é dicir, 4G con velocidades máximas de 150 / 50 Mbps. Dispón tamén dos sensores habituais que xa non faltan en case ningún modelo, como son o acelerómetro, brúxula electrónica, sensor de proximidade e luz ambiental ou de pegada dixital. Porén, botámoslle en falta o NFC.

Pantalla

A pantalla é un panel TFT-LCD de 5,2 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles). Ten unha luminosidade de 400 nits, pensada para que se vexa ben en entornos de moita luminosidade.

Na práctica temos unha pantalla que certamente se ve bastante ben en exteriores, permitindo o uso do dispositivo con normalidade, se ben é certo que amarillea algo a imaxe nestes momentos de incidencia de luz directa.

Cámara

A cámara principal é unha lente Largan 5 P de 13 megapíxeles con flash LED e enfoque automático. A aplicación de cámara admite numerosos modos, como retroiluminación (HDR), baixa luminosidade, beleza en tempo real ou nocturno, entre outros. Os seus resultados sorprendéronnos gratamente, aínda que nas paisaxes en ambientes escuros mete bastante ruído e o zoom dixital podería mellorar bastante.

asus-zenfone-3-max-5

Para a cámara frontal escolleron un sensor de 5 megapíxeles que, sen destacar especialmente, ten uns resultados para selfies máis ca aceptábeis.

Podedes ver unha galería de fotos tomadas con este dispositivo na nosa galería de Flickr.

Batería

A capacidade da súa batería é, como xa dixemos, un dos maiores reclamos deste dispositivo. Ten unha capacidade nominal de 4130 mAh que, ligados ao resto de hardware, se traducen en 2 días de uso intenso do dispositivo. Na súa contra está que non dispón de sistema de carga rápida, polo que enchela leva o seu tempo, aínda que se somos das que cargamos o móbil pola noite isto resulta indiferente.

Software

O sistema operativo é Android 6.0, aderezado coa nova interface Asus ZENUI 3.0. En temas de capas de personalización os gustos son algo moi persoal, pero para nós é un dos aspectos que máis debería coidar Asus de cara a próximos dispositivos.

En calquera caso, as opcións de personalización que permite Android neste aspecto son ilimitadas, polo que escollendo un launcher que nos guste xa está o tema resolto.

Conclusións

O Asus Zenfone 3 Max é un dispositivo bastante ben compensado en canto a rendemento e prestacións, polo que para un uso habitual resulta unha opción moi interesante. O rendemento foi bastante acorde ao que esperábamos del polas súas especificacións, movendo con fluídez as aplicacións e xogos que probamos, mais o mellor de todo foi, por suposto, a súa batería: poder esquecernos de cargar o móbil cada noite é un luxo que non lembrábamos e que se agradece.

O Asus Zenfone 3 Max pódese mercar por 223 euros en Amazon, unha relación calidade – prezo moi conseguida por Asus.

Deixa un Comentario