Xiaomi segue a traballar na expansión internacional probando as redes de USA

xiaomi-usa

Aos poucos e sen moita présa, Xiaomi segue a traballar na súa expansión internacional. Logo de terse introducido en países tan variados como Brasil, Colombia ou a India, e logo tamén de moitos indicios que abren a porta ao desembarco oficial en Europa, agora é a quenda dos Estados Unidos. Esta información chega grazas a Hugo Barra, ex-Google fichado por Xiaomi precisamente para pór en marcha a internacionalización da compañía fóra das fronteiras de China.

Segundo confirmou o propio Barra, nas últimas semanas Xiaomi está a facer probas de rede con varios operadores norteamericanos, empregando para iso modelos como o Xiaomi Mi 5 ou o recén presentado Xiaomi Mi Note 2. Semella pois que o fabricante chinés ten en mente apostar por facerse un oco entre os dispositivos máis potentes do mercado estadounidense, entre os que temos os Samsung Galaxy S7 / S7 Edge, os Google Pixel / Pixel XL e os Apple iPhone 7 / 7 Plus.

Porén, estas probas tampouco implican que o desembarco oficial de Xiaomi nos Estados Unidos vaia ser algo inmediato, pois ademais de autocercionarse de que os seus trebellos funcionan de maneira correcta nas redes dos Estados Unidos, a compañía deberá lidar coas entidades certificadoras locais para poder poñer os seus produtos á venda con todas as garantías.

As probas de rede, algo habitual en todas as operadoras

As probas de campo para probar as redes e servizos das operadoras son unha práctica habitual. A pesar de que un dispositivo libre e compatíbel cun tipo de redes debera funcionar sen problemas en calquera operadora desas características, o certo é que todas as empresas de telecomunicacións fan probas propias cos diferentes modelos de terminais, especialmente con aqueles que van acabar no seu catálogo.

Con isto preténdese, por unha banda, certificar que o dispositivo funciona correctamente coa rede e servizos da operadora en cuestión, mais tamén ofrecer feedback ao fabricante para corrixir os problemas que se poderían descubrir no uso diario.

Sobre o autor

Reply