Huawei anuncia o Huawei Mate 9 e o Mate 9 Porsche Design con pantalla curva

huawei-mate-9-1

Logo das ducias de imaxes filtradas nas últimas semanas que descubriron practicamente todos os detelles, Huawei vén de facer oficial o novo Huawei Mate 9, un dispositivo que chega dispoñíbel en dúas versións, unha delas coa chamativa pantalla curva que popularizou Samsung nos seus dispositivos.

O trebello non escatima en prestacións, incorporando unha pantalla de 5,9 polgadas QuadHD e levando ao seu interior un procesador de fabricación propia, o Kirin 960 de oito núcleos a 2,6 GHz, xunto 4 ou 6 GB de memoria RAM e 64, 128 ou 256 Gb de memoria interna, segundo versións, que podemos ampliar mediante tarxetas microSD.

Como pasou co Huawei P9, o novo Huawei Mate 9 aposta pola dobre cámara trasera, firmada por Leica. Na parte principal leva dúas lentes, unha de 20 e outra de 12 megapíxeles, mentres que no caso da cámara frontal atopámonos cun sensor de 8 megapíxeles.

A súa batería é de 4000 mAh, con capacidades de carga rápida. Dispón de lector de pegadas dixitais e USB Tipo C, situado na parte traseira do dispositivo. En canto a software, sairá á venda con Android 7.0 Nougat e a nova versión da capa de personalización do fabricante, EMUI 5.0, que destaca polos “temas” como baza para a personalización do dispositivo.

Huawei Mate 9 Porsche Design: deseño exclusivo e pantalla curva

huawei-mate-9-4-porsche

Huawei tamén anunciou o Huawei Mate 9 Porsche Design, unha edición especial do Mate 9 feita en colaboración co fabricante de automóbiles Porsche.

Ademais de levar os logotipos desta compañía gravados na carcasa, tamén hai pequenos cambios de deseño e prestacións, o máis destacado o uso dunha pantalla curva de 5,5 polgadas e resolución 2K, fronte as 5,9 polgadas da versión estándar.

Dispoñibilidade e prezo

O Huawei Mate 9 chegará na Europa proximamente coa súa configuración de 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna por 699 €. Poderémolo mercar en seis cores diferentes: gris, prata, marrón, dourado, branco e negro.

Pola súa banda, o modelo Mate 9 Porsche Edition terá unicamente configuración de 6 GB de RAM e 256 Gb de memoria interna e custará 1395 €, unha cantidade ao alcance de moi poucos petos.

Sobre o autor

No Responses

Reply