Fíltranse os renders do novo Nokia D1C con Android 7.0 Nougat

nokia-d1c-filtrado

A rede social chinesa Weibo vén de servir de plataforma, unha vez máis, para a filtración dun dispositivo. Desta vez trátase dos renders do novo smartphone que prepara Nokia, o Nokia D1C, que destaca por ser o primeiro modelo da firma que emprega Android 7.0 Nougat, aínda que as súas especificacións sitúano na gama media.

Xunto ás imaxes que descubren o deseño do trebello por todos as aristas tamén apareceron as súas características técnicas grazas a un par de benchmarks. Neles pódese ver que o dispositivo integra un procesador Qualcomm Snapdragon 430 con GPU Adreno 505, 3 GB de memoria RAM e 32 GB de almacenaxe interna.

As súas cámaras son de 13 e 8 megapíxeles (traseira e frontal, respectivamente). Completando a folla de especificacións temos un lector de pegadas dixitais integrado no botón central da parte dianteira do trebello.

En canto a deseño, semella que o Nokia D1C aposta polo minimalismo, con laterais redondeados nun dispositivo compacto e bastante estreito. Ademais, podemos confirmar que haberá, cando menos, tres cores dispoñíbeis: dourado, branco e negro.

Haberá que agardar aínda uns días ou semanas para que este novo trebello sexa oficial e coñezamos todas as súas especificacións, así como o seu prezo e se poderemos mercalo desde o noso país.

Deixa un Comentario