Google actualiza Play Music cun novo deseño e intelixencia artificial

google-music-redeseno

Desde o momento do seu lanzamento, aló polo ano 2011, Google Plays Music non deixou de integrar melloras, tanto en deseño como en prestacións. Hai uns días era Play Kiosko a aplicación que sufría un importante redeseño e hoxe tócalle á aplicación musical, que integra as liñas de material design que tanto gustan ás usuarias.

Tal e como nos conta Google no seu blog oficial, o cambio máis notorio é o estético, xa que a nova versión conta cun deseño completamente diferente á versión anterior, tal e como podemos ver nas capturas de pantalla que abren este artigo. Porén, é nas súas prestacións onde temos as novidades máis interesantes.

Por unha banda, Google Play Music integra novos métodos de recomendación musical grazas á intelixencia artificial, polo que ten en conta, ademais dos nosos gustos musicais, a nosa ubicación e o noso estado de ánimo para poñernos música que se adapte a ese momento concreto.

Por outro lado, outra mellora da nova versión da aplicación atopámola no modo sen conexión, xa que de maneira automática descargará unha listaxe de reprodución baseada na música que estivéramos escoitando recentemente. Deste modo, sen darnos conta, teremos dispoñíbel música acorde aos nosos gustos aínda que non teñamos acceso á Internet nin tivéramos sido precavidas de baixala con anterioridade.

Play Music está dispoñíbel en dúas versións. A gratuíta permite gardar na nube 50.000 cancións, acceder á tenda para mercar música adicional e crear listaxes de reprodución, mentres que a de pago (9,99 €/mes) abre a porta a todo o que ofrece a versión gratuíta, ademais reproducir toda a música sen límites en streaming ou en modo sen conexión e as recomendacións personalizadas. Pódese probar durante 30 días sne custe.

Con todas estas novidades o servizo musical de Google vén de dar un importante salto cualitativo para converterse na alternativa de moitas usuarias. Tamén para ti?

Deixa un Comentario