Así é a nova familia de terminais Wiko Ufeel

wiko-ufeel-prime-1

Anticipándose ao Nadal, unha das épocas nas que máis dispositivos mercamos como agasallo, Wiko vén de anunciar a súa nova familia de trebellos Wiko Ufeel, tres modelos que se adaptan ás diferentes necesidades das usuarias.

Todos eles levan lector de pegadas dixitais, contribuíndo a universalizar a presenza desta característica, hoxe en día imprescindíbel para moitas, en todas as gamas, ademais de conectividade 4G, asistente de teléfono en Android 6.0.1 Marshmallow como sistema operativo. Diferen no resto de especificacións técnicas, que pasamos a comentar.

wiko-ufeel-prime-2

Wiko Ufeel Prime

O modelo máis avanzado é o Ufeel Prime, que conta con acabados metálicos e unha pantalla de 5 polgadas con resolución FHD (1920 x 1080 píxelees, 441 píxeles por polgada) e contornos curvos de 2.5D. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 430, de oito núcleos, xunto 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 64 GB.

wiko-ufeel-prime-3

No apartado multimedia, a cámara principal é de 13 megapíxeles con opcións de axuste manual mediante o modo profesional, mentres que a frontal ten un sensor de 8 Mpx. Ambas as dúas teñen flash, algo bastante relevante se queremos ter selfies ben iluminadas pola noite.

O Wiko Ufeel Prime está dispoñíbel en cor antracita, dourado e prata por 259 euros.

Wiko Ufeel

O Wiko Ufeel é un modelo intermedio. Vén tamén con pantalla de 5 polgadas, aínda que neste caso unicamente con resolución HD. O procesador é un modelo de catro núcleos a 1,3 GHz e arquitectura de 64 bits, e xunto a el dispomos de 3 GB de RAM e 16 GB de memoria interna (+microSD de até 64 GB).

wiko-ufeel

As cámara traseira é de 13 megapíxeles e a frontal é de 5 Mpx, con tecnoloxía Selfie Super Angular para sacar fotos desde 84 a 100 graos de amplitude.

O Wiko Ufeel pódese mercar por 199 € en varias cores.

Wiko Ufeel Lite

Finalmente, o Ufeel Lite é o trebello máis modesto. A súa pantalla HD de 5 polgadas haille que sumar un procesador de catro núcleos a 1,3 GHz e con arquitectura de 64 bits, 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna, tamén ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 64 GB.

wiko-ufeel-lite

As súas cámaras tamén son máis simples, tendo na principal unha con sensor de 8 megapíxeles e na dianteira outra de 5 megapíxeles, aínda que conserva o flash LED.

Está dispoñíbel en cores gris pizarra, chocolate e ouro rosa por 159 euros.

Máis info | Wiko

Deixa un Comentario