HBO chega ao noso país por 7,99 €/mes cun mes de proba gratuíto

hbo-espana

Hai apenas 15 días soubemos que Vodafone viña de establecer unha alianza con HBO para ofrecer este servizo de suscrición audiovisual a través da súa plataforma de televisión. Ese día chegou, e malia que Vodafone sexa polo de agora a única operadora que o ofrece integrado na súa oferta, calquera persoa pode contratalo directamente coa propia HBO, con independencia da súa empresa de telecomunicacións.

HBO é unha das produtoras máis importantes do mundo, coñecida por series moi destacadas como “The Wire”, “Xogo de Tronos”, “Los Soprano” ou “A dos metros bajo tierra”. En total, a oferta de HBO inclúe máis de 3000 capítulos de series (incluíndo tempadas completas das mesmas), ademais de películas, cuxo catálogo irá variando co tempo, aínda que na oferta inicial temos sagas como Ocean’s Eleven, Matrix ou O Señor dos Aneis ou filmes individiuais, como Ultimátum á Terra, Jobs ou Lo Imposible.

Aplicacións móbiles e tamén Chromecast e Apple TV

Para poder acceder aos contidos de HBO temos varias opcións. A máis rápida é acceder á nosa conta cos datos de acceso directamente no navegador, aínda que se somos de consumir contidos desde dispositivos móbiles como smartphones ou tablets deberemos instalar a aplicación para Android ou para iOS.

Cómpre destacar que estas aplicacións son compatíbeis tanto con Chromecast como co Apple TV, o que facilita poder enviar os contidos a reproducir no noso televisor. Isto se cadra cobra máis importancia se temos en conta que non hai, polo de agora, aplicacións específicas para televisores intelixentes.

Prezo

O servizo de HBO custa 7,99 €/mes. Con todo, teremos un mes de proba sen ningún tipo de compromiso ou permanencia para descubrir se realmente nos gusta e queremos seguir con el ou se, pola contra, preferimos dalo de baixa.

Por outra banda, e tal como adiantamos hai uns días, Vodafone inclúe este servizo nalgunhas das súas tarifas sen custe adicional durante 3 meses, 2 anos ou de maneira permanente, tal e como podemos ver na seguinte táboa.

cuadro-oferta-vodafone_hbo-espana

Sexa cal sexa a maneira de contratalo, poderemos empregar HBO en até 5 dispositivos, que quedarán asociados na nosa conta. Deste modo, se nalgún momento queremos acceder a HBO desde un trebello adicional deberemos dar de baixaaalgún dos anteriores antes de continuar. Porén, unicamente seremos quen de acceder desde un dispositivo á vez.

Máis info | HBO

Deixa un Comentario