Meizu X: a renovación tamén chega á gama media

meizu-x-1

Esta mañá falamos do Meizu PRO 6 Plus, o novo dispositivo referencial do fabricante chinés Meizu. Porén, ese non foi o único modelo anunciado no día de hoxe, pois xunto a el chegou tamén unha nova proposta para a gama media, o Meizu X.

O que máis chama a atención deste modelo son os seus acabados premium. O fabricante apostou por integrar o cristal, tanto na parte frontal coa pantalla como na traseira, algo que, cando menos nas imaxes promocionais, semella sentarlle moi ben ao trebello.

En canto ás súas características técnicas, o Meizu X vén cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas. No interior, leva un procesador MediaTek Helio P20 e versións con 3 ou 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de memoria interna, segundo versións.

meizu-x-2

A cámara principal, ao igual ca no Meizu PRO 6 Plus, é un sensor Sony IMX386, con apertura f/2.0 e lente 6P, aínda que neste caso o flash é LED, mais non en anel. A outra cámara, a frontal, é de 5 megapíxeles, tamén con apertura f/2.0.

Completando a listaxe de especificacións temos a conectividade LTE, WiFi, Bluetooth 4.1, lector de pegadas dixitais, USB Tipo C e unha batería de 3200 mAh con carga ultra rápida. O sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow, aínda que personalizado con Flyme 6 OS.

Prezo e dispoñibilidade

O Meizu X xa está á venda na China, e aínda que polo de agora non está confirmado que este modelo vaia chegar oficialmente ao noso país, seguramente sexa posíbel adquirilo a través dalgún distribuidor.

meizu-x-3

En canto a prezos, segundos os cambios actuais quedarían tal que así:

  • 3 GB de RAM + 32 GB memoria interna: 230 €
  • 4 GB de RAM + 64 GB memoria interna: 275 €

Máis info | Meizu

Deixa un Comentario