Orange, primeira operadora en empregar a e-SIM no noso país de forma comercial

gear-s2-e-sim

Levamos moito tempo falando das SIM virtuais (ou e-SIM), aínda que foi a comezos deste ano cando o MWC debullou algúns dos usos máis habituais que veremos nos próximos tempos. Malia que antes ou despois as tarxetas SIM físicas desaparecerán dos smartphones, os wearables son os principais candidatos a integrar as e-SIM, por razóns obvias de espazo.

Logo de que varios operadores americanos e europeos comezasen a empregar a e-SIM, Orange vén de converterse na primeira operadora do estado que ofrece este servizo de maneira comercial, iso si, ligado ao smartwatch Samsung Gear S2 3G.

Desta maneira, poderemos independizar por completo o reloxo do noso smartphone, xa que non precisará ter a conexión Bluetooth de xeito permanente para estar conectadas á Internet ou mesmo facer chamadas de voz, algo que resulta moi interesante para moitos dos usos que se lles presupoñen a estes trebellos, como os deportivos, nos que ter que cargar cun smartphone pode ser un incordio.

gear-s2-classic

Para lanzar esta promoción, Orange ofrece ás usuarias que teñan contratado (ou contraten) o servizo multiSIM o Samsung Gear S2 Classic por 150 euros. Se estades interesadas debedes apurar, pois será unicamente a través de tendas físicas e até fin de existencias.

Deixa un Comentario