Yoigo volve tentalo coas tarifas converxentes

yoigo

Hai algúns anos, froito da alizanda selada con Movistar, Yoigo ofreceu servizos de telefonía fixa e Internet. Porén, pouco duraron aqueles produtos converxentes que deron en chamar “Fusión a lo Yoigo”, pois os prezos tampouco eran moi atractivos para as usuarias finais, e a compañía acabou por centrarse unicamente nos produtos móbiles.

O panorama ten cambiado moito nos últimos tempos, tamén para Yoigo, que agora está en mans de MásMóvil, operadora que agora presume de forza e quere medirse de ti a ti cos 3 grandes nos servizos integrados. De aí saiu a oferta de ADSL/fibra baixo a marca MásMóvil e as novas tarifas converxentes que comercializará Yoigo.

En total, as propostas converxentes de Yoigo son tres, identificadas polas tres cores corporativas da compañía (morado, azul e verde). Todas elas levan de base teléfono fixo (con chamadas ilimitadas a fixos e 60 minutos a móbiles) e Internet (ADSL até 20 Mbps ou Fibra 50 Mbps). As diferenzas entre elas atopámolas no que ofrece a liña móbil vencellada a dita oferta converxente.

  • Combinado morado (48 €/mes). Leva teléfono e Internet fixo, e unha liña móbil con chamadas ilimitadas e 2 GB de navegación a máxima velocidade.
  • Combinado verde (48 €/mes). Leva teléfono e Internet fixo, e unha liña móbil coa tarifa “La del 0 5 GB”, é dicir, con 100 minutos de chamadas (excesos a 0 cént/min, pagando o establecemento de chamada)  e 5 GB de navegación a máxima velocidade.
  • Combinado azul (58 €/mes). Leva teléfono e Internet fixo, e unha liña móbil coa tarifa “La SinFín 20 GB”, que ofrece chamadas ilimitadas e 20 GB de navegación a máxima velocidade.

Aquelas persoas que, tendo cobertura de fibra, desexen ter maior velocidade poden elixir a opción de 300 Mbps pagando 10 € adicionais ao prezo base.

Polo de agora a compañía non está a informar destas tarifas na web ou a través da súa extensa rede de tendas, mais xa se poden contratar telefonicamente a través so servizo de atención telefónico no número 1707 e marcando a opción 1.

No Responses

Deixa un Comentario