Pokémon Go incorpora dous novos Pokémon da segunda xeración e un Pikachu de Nadal

Desde o lanzamento de Pokémon Go o pasado verán non se deixou de falar sobre o seu futuro, e sobre todo da gran actualización que traería a segunda xeración de Pokémons. Pois ben, logo de varios rumores e cambios de data, hoxe comezamos a saborear algo, mais nada que teña que ver co que se agardaba.

Tal e como explicamos en detalle nesta outra entrada de hai uns días, a segunda xeración de Pokémon está composta por 100 novas criaturas, aínda que Niantic decidiu incorporar unicamente dúas. Trátase de Pichu e Togepi, que, por se fora pouco, non se poden capturar, senón que unicamente sairán de ovos que eclosionemos camiñando.

Ademais, para celebrar o Nadal, e até o próximo 29 de decembro, será posíbel capturar unha edición especial de Pikachu con gorriño de Papá Noël. Segundo parece, vai haber abondos para que ninguén quede sen el, polo que seguramente sexa relativamente doado de capturar.

Niantic decidiu reservar para si moita información sobre o futuro do xogo, en particular de como ten pensado ir introducindo a nova xeración, mais visto o visto semella que irán introducíndoos aos poucos.

Poképaradas e Ximnasios nos Starbucks dos Estados Unidos

Niantic e a cadea de cafetarías Starbucks chegaron a un acordo para que os máis de 8.000 establecementos que ten esta compañía nos Estados Unidos sexan ou ben ximnasios ou ben cafetarías, o que permite ás xogadoras seguir capturando Pokémons, loitando ou adestrando ao tempo que toman algo neles.

Ademais, estes Starbucks terán unha bebida chamada The Pokémon Go Frappuccino, con sirope de frambuesa, vainilla e nata, entre outros ingredientes. Quizais máis adiante este acordo chegue aos establecementos de outros países, incluíndo os dous novos Starbucks da Coruña, ou a outras novas cadeas como McDonald’s ou similares.

Xa podemos transferir varios Pokémon á vez

Unha das últimas actualizacións tamén trouxo a transferencia múltiple de Pokémons ao profesor, o que nos permite desfacernos en poucos pasos dos Pokémon máis cativos para obter caramelos ao cambio, liberando así espazo na nosa Pokédesh.

A selección múltiple pode ser de Pokémons do mesmo tipo ou non, e habilítase premendo longo sobre un exemplar. Ao completar a transferencia recibiremos de vez todos os caramelos correspondentes.

Novidades cun gran obxectivo: facer que sigamos xogando

Todas estas novidades que foi implementando Pokémon Go nas últimas semanas teñen un claro obxectivo: recuperar ás xogadoras e xogadores que tiñan abandonado o xogo para facer que volvan darlle unha nova oportunidade, especialmente coa chegada das criaturas de segunda xeración.

A pregunta se ir incorporando criaturas a contagotas é a mellor forma de facelo. Vós que pensades?

No Responses

Deixa un Comentario