25 GB, chamadas ilimitadas e letra pequena: así é a nova “SinFín” de Yoigo

Cando Yoigo lanzou a tarifa “La SinFín” houbo un punto de inflexión nas tarifas móbiles. Por vez primeira había alguén que se atrevía a poñer sobre a mesa unha tarifa con minutos “ilimitados” e unha boa cantidade de datos, en concreto 20 GB. E todo, por menos de 30 euros ao mes.

Porén, e como non sempre chove a gusto de todos, La SinFín ten moitas cousas criticábeis, entre elas ser unha tarifa dispoñíbel por tempadas (é dicir, que só se pode contratar de maneira promocional, aínda que ao facelo mantíñanse os beneficios “para sempre”) e, sobre todo, estar dispoñíbel unicamente para novas altas, nunca para clientes actuais (até o de agora).

Coincidindo coa campaña de Nadal, Yoigo relanza a súa tarifa estrela facéndoa “máis infinita”, aínda que iso tamén supoña subir o prezo por riba da barreira dos 30 euros. A nova La SinFín custa 32 €/mes,  pódena contratar tanto novos clientes como os actuais, e ten as seguintes características.

  • Chamadas “ilimitadas”.
  • 25 GB de navegación.
  • SMS a 0,121 €/mensaxe.

Ollando os detalles da tarifa atopámonos cos seus límites. As chamadas “ilimitadas” son en realidade un máximo de 5000 minutos a un máximo de 300 destinos diferentes, e a velocidade dos datos baixa aos 128 kbps ao chegar aos 25 GB, Porén, nas condicións figura tamén que “se proporcionará unha resolución e velocidade optimizada para o consumo de servizos multimedia en dispositivos móbiles (aprox 480p, 500 kbps) coa finalidade de asegurar a calidade do servizo de datos”, cláusula que de momento aseguran non estar a aplicar.

Este último punto é sen dúbida o máis polémico, porque precisamente unha boa parte das usuarias que contratan este tipo de tarifas con moitos datos incluídos fano para poder empregar servizos de streaming de vídeo, como YouTube, Netflix ou HBO, e facelo coa mellor calidade de vídeo posíbel. Con dita cláusula a operadora garda un as na manga para non ter que facer grandes inversións na súa rede para dar soporte ás usuarias que demandan un tráfico de datos cada día maior.

Que vos parece?

Máis info | Yoigo

About The Author

One Response

  1. Diego 14 Decembro, 2016 Responder

Reply