MásMóvil firma a paz con Movistar: melloras para Yoigo e Pepephone

Nos últimos meses foron moitas, e graves, as liortas entre diferentes operadoras, mais pouco a pouco vanse aclarando os problemas entre compañías, e de cando en vez temos boas novas. A de hoxe é unha desas novas de relevancia pola cantidade de usuarias involucradas, e ten ao grupo MásMóvil (Yoigo, MásMóvil, Pepephone e Happy Movil) e a Movistar como grandes protagonistas.

Por aclarar as causas do problema que afectaba a todas estas marcas, comezaremos por resumir os principais motivos de disputa:

  • Yoigo – Movistar. Yoigo aínda non posúe cobertura total no territorio español, polo que ten un acordo de “roaming local” para dar cobertura ás súas usuarias aló onde non chega a súa propia. Este acordo tiña limitado o acceso ao 3G.
  • Pepephone – Movistar. O OMV Pepephone deixou Vodafone por non ter acceso ao 4G e pasouse a Movistar, con acceso a esta tecnoloxía. Porén, os prezos abusivos de Movistar fixeron que Pepephone non puidese axustar as súas tarifas, deixando de ser unha compañía competitiva.

Nestas circunstancias chegou MásMóvil. O que até o de agora fora un OMV máis baixo o paraugas da rede de Orange, compañía máis permisiva á hora de atender as necesidades dos operadores virtuais, mercou Yoigo e Pepephone, convertíndose no cuarto operador estatal.

MásMóvil, lonxe de querer amplificar os conflitos, traballou na busca de solucións. O primeiro que fixo foi chegar a un acordo global con Orange para usar a súa rede móbil e ter acceso a fibra óptica, co que xa pode dar servizos converxentes, tanto coa marca propia como a través de Yoigo.

Porén, o acordo asinado entre MásMóvil tamén afecta ás usuarias de móbil de Yoigo, que a partir do 2017 empregarán a rede de Orange cando fagan uso do roaming local, garantindo así o acceso ao 4G a máxima velocidade onde non chega a cobertura de Yoigo.

No medio deste panorama, MásMóvil firmou esta semana un acordo de paz con Movistar, cuxos principais puntos son os seguintes:

  • Relativo a Yoigo. En relación con Yoigo, conseguiu unha “migración tranquila” e acceso ao 4G de Movistar. É dicir, as usuarias de Yoigo comezarán a usar a rede de Orange ao longo do 2017, pero MásMóvil vai poder facer dita migración de maneira escalonada e non transferir os 3,3 millóns de clientes de Yoigo de vez. Ademais, o acordo tamén abre o acceso ao 4G de Movistar mentres dura esta “macroportabilidade”.
  • Relativo a Pepephone. No que ten a ver con Pepephone, MásMóvil manterá a estes usuarios na rede de Movistar até o 2019, a cambio de ter conseguido uns prezos maioristas moito máis baixos dos que Movistar ofrecía a Pepephone.

Esta última cuestión é ben significativa, porque Pepephone estaba pagando actualmente a Movistar uns 7,50 € por cada GB consumido polos seus clientes, o que deixaba sen marxe á compañía dos lunares. A partir do 2017 esta cifra reducirsase a 2,80 €/GB, e en 2018 e 2019 será de 1,60 €/GB, o que permitirá seguir reducindo as tarifas, como nos tiñan acostumados.

MásMóvil, cuarto operador.

A pesar de ter nacido como un OMV pequeno, MásMóvil sempre tivo o obxectivo de ser un operador completo e medirse de ti a ti cos tres grandes, Vodafone, Movistar e Orange. Todas as compras de competencia levadas a cabo nos últimos meses (Happy Móvil, Yoigo e Pepephone) foron nese camiño, e hoxe o grupo xa é o cuarto operador por volume de clientes.

Máis aló destas cifras, outro aspecto importante é que a compañía a está a amosar o seu afán por estar a ben cos demais operadores cos que compite e fuxir de conflitos innecesarios que ao final acabana perxudicando unica e exclusivamente ás usuarias.

Que pasará no futuro? Difícil facer previsións, mais pode que tras os últimos dous anos movidos o sector estabilice e teñamos un tempo de calma. Actualmente, 5 grandes grupos que concentran o groso dos clientes; son os seguintes:

  • Grupo Telefónica: inclúe Movistar e Tuenti.
  • Grupo Vodafone: inclúe Vodafone, ONO e Lowi.
  • Grupo Orange: inclúe Orange, Jazztel, Simyo e Amena.
  • Grupo MásMóvil: inclúe MásMóvil, Yoigo, Pepephone e Happy Móvil
  • Grupo Euskaltel: inclúe Euskaltel e R

Como vedes vós o panorama?

Sobre o autor

No Responses

Reply