Análise e sorteo da Aukey WD-N2, unha base de conexión WiFi para o teu HDD

Hoxe traémosvos a análise dun trebello un tanto especial, que nos pareceu moi interesante para compartir convosco. Trátase da Aukey WD-N2, unha base WiFi para os nosos discos duros, memorias USB ou tarxetas SD. Porén, e aínda que eses sexan os usos máis extendidos, non son os únicos que lles podemos dar, como poderedes ver a continuación.

Deseño e especificacións do dispositivo

O trebello conta cun deseño compacto (77 x 48 x 22 mm) e apenas 90 gramos de peso. Na parte superior, rematada en negro, ten catro iconas LED que nos identifican o nível de carga da batería, o estado da tarxeta SD, a conectividade WiFi e o acceso á Internet.

As conexións físicas repártense entre a parte traseira do trebello, onde está o acceso á tarxeta SD, e o lateral dereito, onde temos o conector para un RJ45, un porto USB 3.0 e un microUSB 2.0. Leva ademais unha batería interna de 2600 mAh e WiFi 802.11 b/g/n na banda dos 2,4 GHz.

Diferentes escenarios de uso

O Aukey WD-N2 é un dispositivo moi versátil que nos permite levar a cabo diversas operacións. O seu funcionamento é moi sinxelo, xa que case todo é “plug and play”, é dicir, que non precisa complicadas instalacións e configuracións.

O único que precisamos é instalar a aplicación Triplink, dispoñíbel gratuitamente na Play Store, unha ferramenta que nos permite facer as configuracións básicas e acceder aos arquivos que teñamos almacenados nos soportes externos.

A continuación resumimos os principais usos do dispositivo.

Uso como “nube” persoal

O principal uso deste trebello é o de servirnos de nube persoal. Bastará para iso con conectarlle unha tarxeta SD; unha memoria USB ou un disco duro externo, tamén a través do conector USB. Deste xeito estaremos habilitando un disco duro na nube.

A través da aplicación, que se ben é completamente funcional o seu deseño podería mellorar bastante se se adaptase ás especificacións actuais, podemos navegar entre os diferentes cartafoles das memorias conectadas ao trebello para visualizar e/ou transferir os arquivos ao noso smartphone ou tablet. E viceversa, desde o noso dispositivo móbil ao disco duro.

Uso como router WiFi

Practicamente o 100% dos router que hai nas nosas casas para conectarnos á internet teñen capacidades WiFi, polo que esta funcionalidade podería resultar, a priori, menos interesante. Nada máis lonxe da realidade, pois un trebello como este permítenos extender de maneira rápida a nosa rede WiFi (por exemplo coa axuda dun PLC económico), crear unha segunda rede que poderíamos ter habilitada para uso das visitas ou, en xeral, crearmos unha WiFi en calquera lugar no que nos habiliten unha conexión a través dun RJ45 para conectar todos os nosos dispositivos.

Este tipo de configuracións faise a través da mesma aplicación de xestión, e o mellor de todo é que só o temos que facer a primeira vez que o usamos como tal.

Uso como PowerBank

Unha última forma de empregar este trebello é a modo de PowerBank. A súa batería interna de 2600 mAh pódese usar tanto para que o trebello funcione de maneira autónoma, sen necesidade de térmolo enchufado á rede, ou para cargar outros dispositivos.

Evidentemente existen baterías externas con esa ou maior capacidade máis compactas, pero iso non quita que nos poida sacar de máis dun apuro nun momento determinado.

Conclusións

Se somos das que empregamos discos duros externos ou tarxetas para gardar os nosos datos e queremos implementar unha solución sinxela e económica para acceder a estes datos desde os nosos móbiles e tablets, o Aukey WD-N2 é un trebello para nós, aínda que tamén nos pareceu moi relevante o seu uso como extensor de rede ou punto de acceso WiFi.

As súas múltiples prestacións, ligadas a un deseño compacto e pouco peso fan que sexa un dispositivo moi cómodo para as viaxes, xa que cabe en calquera sitio.

Pódese mercar por algo menos de 60 euros en tendas como Amazon.

Sorteo dun Aukey WD-N2 cortesía de RedInput.

A análise deste trebello e o sorteo podemos facelo grazas á colaboración de RedInput, que nos cedeu unha unidade de maneira totalmente gratuíta. Botádelle un ollo á súa zona na Play Store para descubrir todasa as aplicacións que teñen dispoñíbes para descargar.

Novamente optamos polo sistema de Gleam para realizar o sorteo. Simplemente tedes que levar a cabo unha serie de accións para ir conseguindo participacións extra, así que o recomendábel é que fagades o máximo número delas posíbel para ter máis posibilidades de gañar.

A participación no sorteo estará aberta até as 12h da mañá do sábado 24 de decembro. Moita sorte!

Sorteo Aukey WD-N2

Sobre o autor

Reply