BLU Life Max, 3 días de autonomía nun dispositivo básico

Falarmos dun smartphone con tres días de autonomía hoxe en día case soa a ciencia ficción. Porén, cada vez son máis os fabricantes que introducen modelos con maior autonomía, como resultado de baterías con máis capacidade que tamén levan implícito un maior peso, resultando polo tanto menos atractivos para as usuarias máis esixentes.

É por iso que practicamente sempre que vemos un trebello con boa autonomía adoita ser un dispositivo de gama media ou baixa. É o caso do BLU Life Max, un dos últimos modelos do fabricante norteamericano BLU, que practicamente só vende os seus modelos a través de Amazon.

Así a todo, o Life Max ten unha batería de 3700 mAh, unha cifra non excesivamente alta para un dispositivo que presume de autonomía. O truco está en que as súas características técnicas limitan o uso do teléfono a funcionalidades básicas, de maneira que neses casos, evidentemente ,estaremos limitadas, co que a batería durará máis.

O BLU Life Max leva unha pantalla IPS de 5,5 polgadas e resolución HD, isto é, 720 x 1280 píxeles. No seu interior alberga un procesador MediaTek MT6737 de catro núcleos a 1,3 GHz, xunto 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábel mediante microSD.

En canto ás cámaras, a principal é de 8 megapíxeles, emntres que a traseira fica nos 5 Mpx, en ambos casos con flash tipo LED. Tamén é compatíbel coas redes LTE e o seu sistema operativo é Android 6.0.

O BLU Life Max custa ao cambio uns 120 euros, un prezo acorde ás súas especificacións, polo que non podemos agardar grandes luxos. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply