Novo ZUK Edge, a alternativa “sen marcos” de ZUK

ZUK, unha das marcas que xestiona Lenovo, vén de estrear novo teléfono, o ZUK Edge. Trátase dun modelo que se suma á crecente moda dos dispositivos “sen marcos”, cuxo máximo expoñente é o recentemente presentado Xiaomi Mi Mix. Porén, esta non é a única característica que destaca deste trebello, cuxas especificacións tamén están á altura do que podemos esperar nun gama alta.

O ZUK Edge conta cunha pantalla de 5,5 polgadas FullHD (1920 x 1080 píxeles) con protección Gorilla Glass e que ocupa, segundo o fabricante, o 86,4% da frontal do dispositivo. No seu interior atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 821, con GPU Adreno 530 e opcións de 4 ou 6 GB de memoria RAM, aínda que en ambos casos con 64 GB de memoria e a posibilidade de expandila mediante tarxetas microSD.

No apartado multimedia temos unha cámara frontal de 8 megapíxeles con apertura f/2.2, mentres que a traseira sube até os 13 megapíxeles con tecnoloxía ISOCELL 1.34 um de Samsung, apertura f/2.2 e enfoque híbrido, resultado de combinar detección de fase e contraste.

Complementando as súas especificacións temos unha batería de 3.100 mAh co sistema de carga rápida de Qualcomm, WiFi de dobre banda, dobre ranura SIM, USB Tipo C e lector de pegadas dixitais ultrarrápido, con identificación en menos de 1 segundo. O sistema operativo é ZUI 2.5, unha personalización propia do fabricante que está baseada na versión 7.0 de Android, Nougat.

Dispoñibilidade e prezo

O ZUK Edge sairá á venda o 1 de xaneiro en branco e negro. A versión de 4 GB de RAM custará uns 320 € ao cambio, mentres que a de 6 GB ficará algo por baixo dos 350 €. Oficialmente só se poderá mercar na China, aínda que desde aquí vaise poder mercar a través de tendas que traballan a nível internacional.

Sobre o autor

Reply