Causou esta suposta mensaxe de Vodafone a caída na rede móbil de R?

Noite de paz e de amor? Desde logo non para R e Vodafone. Na tarde – noite deste 24 de decembro produciuse un cruce de acusacións entre ambas compañías a raíz da caída sufrida pola operadora galega no seu servizo de móbil, a máis grave desde que lanzou móbilR no ano 2007, e que mantivo á práctica totalidade das súas usuarias sen voz nin datos toda a tarde do día 23 e a madrugada do 24.

R empregou desde 2007 a rede móbil de Vodafone, aínda que, tras a compra da compañía por parte de Euskaltel, este ano mudou a rede pola de Orange. O cambio non está exento de polémica, pois malia que R estivo traballando con Orange para indicar puntos onde debería mellorar a cobertura para que as usuarias de R tivesen un servizo similar ao que tiñan coa rede de Vodafone, o certo é que a día de hoxe a rede de Orange en Galiza dista de estar á altura da de Vodafone, e practicamente a diario pódense ver queixas das clientas de R nas redes sociais por mala cobertura móbil.

Neste escenario entra en xogo Vodafone. Algúns clientes de R recibiron en horas previas á caída unha mensaxe promocional supostamente enviada por Vodafone, cuxa primeira frase é: “¿tienes problemas de cobertura?“. A mensaxe non é moi diferente ás que calquera usuaria pode recibir con máis ou menos frecuencia desde outras operadoras para que cambiemos de compañía, mais R asegura que esta foi a causa da caída do servizo.

No seu comunicado, R apunta directamente a un envío masivo de SMS promocionais de Vodafone a usuarias de móbilR como a causa da caída. Ademais, R deixa entrever que Vodafone tería accedido aos datos das liñas de móbilR dunha maneira pouco ortodoxa, se non ilegal pola Lei de Protección de Datos. Concretamente, R cre que Vodafone coñecía os datos das usuarias de R pola relación entre ambas compañías no pasado, cando a operadora galega usaba a súa rede.

Este suposto ataque que denuncia R, que sería unha especie de ataque de denegación de servizo DDOS, foi posto en coñecemento “das autoridades competentes”, imaxinamos que da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que é o organismo que regula as telecomunicacións e as relacións entre as compañías.

Vodafone emitiu unha resposta apenas unha hora despois de que R publicase no Twitter o comunicado acusatorio. Nunha nota cun claro ton de cease and desist, isto é, un chamamento a retirar a acusación contra eles ou afrontar as posíbeis accións legais que puideran derivarse, a compañía británica asegura ter “a firme convicción” de non ter nada que ver coa incidencia de R, pois “o número de SMSs  cursados desde a rede de Vodafone nos últimos días á rede de R non é significativo na xestión dunha rede co volume de clientes de R”.

Nos últimos anos foron varios os operadores móbiles virtuais que mudaron de proveedor de rede, case sempre con polémica polo medio, mais nunca cunha desta magnitude en termos de acusacións nin, por suposto, na degradación do servizo. Seguramente haberá que agardar ao pronunciamento da CNMC para descubrir quen ten a razón neste conflito, quen di a verdade e quen minte, pero isto aínda pode tardar varias semanas.

Sobre o autor

One Response

  1. Manuel Abeledo 25 Decembro, 2016 Responder

Reply