LG amosará no CES un altofalante que levita

Co CES 2017 a piques de abrir as portas, seguimos coñecendo as propostas que aló van amosar os fabricantes. LG xa nos adiantou hai uns días os novos smarpthones que levará á feira de Las Vegas, e agora vén de dar a coñecer un altofalante portátil que levita.

Trátase do modelo PJ9, que como se pode ver na imaxe que abre o artigo, carece de cables e flota sobre unha base ao tempo que ofrece un audio en 360 graos de gran calidade. O truco está na presenza de electroimáns no interior da estación de levitación, o que crea un efecto visual tan espectacular, ao non tocar ningunha superficie mentres soa a música.

O trebello conta coa tecnoloxía Dual Passive Radiator, para mellorar a reprodución dos tons medios e ofrecer altos definidos, e ten unha autonomía de 10 horas. No caso de que a batería comece a esgotarse, descende automaticamente e comeza a cargarse de maneira totalmente inarámica, sen que o usuario teña que facer nada e, por suposto, sen que a música pare.

Ademais, o PJ9 está preparado para soportar climatoloxía adversa, pois cumpre co estándar de protección IPX7. Deste modo podémolo usar en exteriores sen perigo de que comece a chover ou sexa salpicado por alguén na piscina.

 

A compañía reservou o prezo e a data da súa posta á venda para próximas datas, así que teremos que agardar un pouco para ver se será posíbel facernos cun por non moitos cartos.

Sobre o autor

Reply