Weimei WePlus 2, un potente terminal por uns 300 euros

A cantidade de alternativas que temos para facérmonos cun terminal Android de gama media ou media – alta complica moito as cousas á hora de tomar unha decisión de compra. Hoxe poñemos o foco no Weimei WePlus 2, un dispositivo que combina unhas características moi interesantes ao tempo que se mantén nun prezo máis ou menos axustado.

O trebello incorpora unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), lixeiramente curvada coa tecnoloxía 2.5D e co sistema de protección Gorilla Glass 3. O seu procesador é o MediaTek Helio P10, de oito núcleos a 1,8 GHz, e está acompañado de 4 GB de memoria RAM e unha memoria interna de 64 GB que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 128 GB.

No apartado multimedia temos unha cámara traseira de 13 megapíxeles, con sensor IMX 258 de Sony e unha apertura de f/2.0, mentres que no caso da frontal apostaron por introducir un modelo de 8 megapíxeles con apertura f/2.2. Ambas as dúas están equipadas con candaseus flashes tipo LED, para mellorar a iluminación e conseguir mellores resultados en entornos escuros.

Complementando a folla de características, á habitual presenza do Bluetooth 4.2 e da conectividade LTE 4G, temos que engadir o lector de pegadas dixitais, situado nun botón frontal, e unha batería de 3130 mAh de capacidade. O sistema operativo é Android 6.0 Marshmallow, aínda que leva unha capa de personalización propia deste fabricante, chamada We OS.

En canto a materiais e acabados, o Weimei optou por repetir co metal como material predominante, un paso que relega o plástico aos trebellos máis modestos da marca. No deseño, estamos ante un modelo cos cantos lixeiramente redondeados, o que facilita o seu agarre e axuda a reducir a sensación de estar ante un smartphone de pantalla grande.

O Weimei WePlus 2 leva un par de semanas á venda, e aínda que o seu prezo oficial para o noso país é de 329,99 €, xa se pode mercar por 307 euros en tendas como Amazon.

Sobre o autor

Reply