Asus ZenFone AR, o segundo smartphone con tecnoloxía Google Tango

Que Asus preparaba un smartphone con procesador Qualcomm para este CES 2017 non era unha sorpresa, nin tampouco que o modelo concreto do procesador sería o Snapdragon 821. A sorpresa chegou porque o trebello anunciado por Asus é o segundo en empregar a tecnoloxía Google Tango, da que podedes saber máis nesta ligazón.

Trátase do Asus Zenfone AR, un dispositivo que ademais de estar equipado co Snapdragon 821 tamén leva GPU Adreno 530 e os sensores Qualcomm Hexagon 680 DSP con HVX, específicos do proxecto Tango. Así mesmo, integra a tecnoloxía All-Ways Aware para garantir un funcionamento rápido e é compatíbel co sistema de realidade aumentada de Google, Daydream.

Pasando a falar de especificacións, ademais de levar o Snapdragon 821 que xa comentamos, integra unha pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas con resolución 2560 x 1440 píxeles e 8 GB de memoria RAM, que o converten no primeiro dispositivo en contar con esta cantidade de RAM.

Do mesmo xeito, é un dispositivo que tamén destaca no apartado fotográfico ao integrar o sistema TriCam, é dicir,  tres cámaras, sendo a principal de 23 megapíxeles, mentres que as outras dous son auxiliares para axudar a mapear o que haxa diante do móbil.

O Asus ZenFone AR chegará con Android 7.0 Nougat de serie durante o segundo trimestre de 2017. Polo de agora o fabricante non informou dos países aos que chegará nin tampouco o seu prezo.

About The Author

No Responses

Reply