LG Gram, portátiles de menos dun kg e até 24 horas de autonomía

LG inicia o ano renovando os seus ultraportátiles da serie LG Gram, coa necesaria actualización de especificacións e tamén de deseño, onde destaca o seu escaso grosor e a lixeireza, situándose por baixo do quilogramo. Pódense ver estes días no CES de Las Vegas, como paso previo á súa posta á venda.

Os novos LG Gram están dispoñíbeis en tres tamaños, que se diferenzan fundamentalmente polo tamaño das súas pantallas (13,3, 14 e 15,6 polgadas), pero en total haberá até 8 variantes, segundo capacidades, procesadores e a xa nomeada pantalla.

Cómpre destacar tamén a gran autonomía, acadando as 24 horas no modelo de 13,3 polgadas e procesador Intel Core i3. A versión de 14 polgadas baixa a súa autonomía até as 23 horas, 22 horas no caso da versión de 15,6 polgadas, que en calquera caso non está nada mal.

Tamén chama a atención o peso dos tres modelos: 940 gramos no caso do de 13,3 polgadas, 970 gramos o de 14 e 1090 o de 15,6. LG tamén preparou unha serie especial “ultra lightweight“, que a costa de baixar algo a batería reduce o peso das tres versións a 830, 860 e 980 gramos para modelos de 13,3, 14 e 15,6 polgadas.

Os novos LG Gram estarán dispoñíbeis en tres cores (branco, gris escuro e rosa) nun abano de prezo que se sitúa entre os 1.100 e os 2.000 dólares. A configuración varía en canto a procesadores (i3, i5, i7) e capacidades de memoria RAM e SSD (256 ou 512 GB), mais todos eles veñen con paneis IPS Full HD.

Sobre o autor

Reply