Samsung anuncia novos Chromebooks compatíbeis con todas as apps Android

O CES 2017 deste ano está deixando ver moitos novos dispositivos, entre eles varios portátiles con ChromeOS (Chromebooks), como un modelo de Asus que vimos hai un par de días ou as dúas novas propostas de Samsung. O fabricante surcoreano anunciou na feira norteamericana o Samsung Chromebook Plus e o Samsung Chromebook Pro, dous modelos convertíbeis que veñen coa Google Play Store de serie.

Samsung Chromebook Plus

O Chromebook Plus é o dispositivo máis modesto dos dous, aínda que iso non signifique que sexa un trebello cativo. O seu deseño está claramente inspirado nas tablets Samsung Galaxy Tab, e vén equipado con bisagras que lle permiten traballar como portátil ao uso ou como tablet co teclado dado a volta.

Integra unha pantalla táctil de 12,3 polgadas e resolución 2400 x 1600, e no seu interior leva un procesador OP1 de seis núcleos (dual core ARM A72 e quad-core ARM A53), xunto con 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna.

Dispón dunha cámara web con resolución 720p e nas opcións de conectividade destacan o uso de WiFi, Bluetooth 4.0, 2 USB Tipo C, lector de pegadas dixitais e o jack de 3.5 mm. A súa batería é de 39 Wh e vén cun stylus que nos lembra ao S-Pen e ten como obxectivo facilitar a introdución de texto.

Ademais de levar ChromeOS, o sistema operativo que empregan todos os Chromebooks e que no uso diario é como termos Chrome aberto, os Chromebook de Samsung levan acceso completo á Play Store, o que nos abre a porta a poder instalar os centos de milleiros de apps dispoñíbeis.

Samsung Chromebook Pro

Un paso por diante temos o Chromebook Pro. As diferenzas entre eles son escasas, xa que no plano estético comparten o mesmo deseño, e nas prestacións a única diferenza notoria é o procesador. O modelo Pro leva un Intel Core M3 6Y30, con até 2,20 GHz de velocidade, que achega ese “plus” de potencia para as usuarias máis esixentes.

Dispoñibilidade e prezo

Logo de terse presentado no CES, só queda agardar pola súa comercialización.  O Samsung Chromebook Plus chegará no mes de febreiro por 449 dólares, mentres que polo Chromebook Pro haberá que agardar até a primavera.

Sobre o autor

Reply