Adeus altofalantes: na nova TV de Sony o son chega pola vibración da pantalla

Os principais fabricantes de televisores traballan arreo para ofrecer modelos cada vez máis estreitos, o que leva a terse que plantexar que facer cos elementos dos que non se pode prescindir, como é o caso dos altofalantes. Un bo exemplo disto é o Sony XBR-A1E, o primeiro televisor OLED de Sony, que vén de ser presentado no CES.

Entre as súas características non podía faltar a resolución 4K e o HDR, cuestións que xa se dan por supostas en calquera modelo que teña como pretensión competir cos mellores dispositivos de outros fabricantes. Porén, se por algo deu que falar este trebello na feira foi pola solución implementada para dar o son.

Sony decidiu prescindir dos tradicionais altofalantes, co conseguinte aforro de espazo, e integrar unha nova tecnoloxía chamada “Acoustic Surface“. Nela, o son sae directamente do cristal da pantalla a través dun sistema de vibracións, cuxa maior vantaxe é que lanza o son directamente cara ao espectador e non cara atrás ou os laterais.

Está que este modelo se comercialice en tres versións, atendendo ao seu tamaño: 55, 65 e 75 polgadas. Todas elas levan tecnoloxía Triluminos, que representa as cores de maneira fiel á realidade, e Android TV no seu interior. No que ten a ver cos prezos, o fabricante aínda non se pronunciou.

Deixa un Comentario