Alcatel anuncia o A3 XL con pantalla de 6 polgadas e garda os seus flagship para o MWC

Alcatel anunciou no CES de Las Vegas un novo dispositivo con pantalla de 6 polgadas, o Alcatel A3 XL. Porén, o fabricante francés preferiu deixar un as na manga e agardar ao Mobile World Congress, que se celebrará o próximo mes en Barcelona, para amosar a súa proposta de modelos avanzados para este 2017.

O novo trebello de Alcatel destaca pola súa pantalla IPS de gran tamaño, concretamente de 6 polgadas, aínda que a súa resolución é tan só HD (1280 x 720 píxeles), demasiado escasa para semellante panel. No seu interior tampouco imos atopar luxos, pois leva un procesador MediaTek de catro núcleos, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna. A día de hoxe estas capacidades de RAM e almacenaxe interna son claramente insuficientes se queremos ter unha experiencia de usuario medianamente decente.

A súa batería é de 3000 mAh de capacidade, e no apartado multimedia temos unha cámara principal de 8 megapíxeles e unha frontal de 5 Mpx. Ademais, dispón de lector de pegadas dixitais, situado na parte posterior do trebello, e Android 7.0 Nougat como versión do sistema operativo.

A estratexia de Alcatel pasa por deixar todo o groso dos dispositivos que pretende lanzar este ano para o MWC, unha cita que chegará en apenas mes e medio e que moitos fabricantes aproveitan para poñer riba da mesa as súas principais apostas.

Dispoñibilidade e prezo

Alcatel non confirmou o prezo do novo Alcatel A3 XL, que atendendo ás súas características debería rondar os 100 – 120 euros. Tampouco anunciou unha data exacta para a súa comercialización, aínda que si confirmou a súa dispoñibilidade europea.

Deixa un Comentario