Google anuncia o peche da API de Hangouts

En maio de 2015 Google anunciou o lanzamento de dúas novas aplicacións de mensaxería, Google Allo e Google Duo. A primeira delas está centrada na comunicación escrita instantánea, incluíndo as funcionalidades habituais de envío de imaxes e gifs, ubicación, etcétera, e a outra está pensada para as chamadas de vídeo entre dous interlocutores. Ambas as dúas comparten algunhas características de concepción, as máis destacadas son 3:

  • Non son multidispositivo
  • Están vencelladas aos móbiles
  • A vinculación coa conta faise a través do número de móbil

A chegada destas apps puxo enriba da mesa o que podería pasar con Hangouts, a aplicación de mensaxería de Google herdeira do espírito de Google Talk. Hangouts, ligado á conta de Google, é unha aplicación multidispositivo, que combina mensaxería de voz, vídeo e texto escrito, polo que tras a chegada de Allo e Duo multiplicáronse as duplicidades, convivindo varias apps que serven para o mesmo, aínda que con melloras nun ou noutro aspecto.

Google vén de anunciar agora o peche da API de Hangouts aos desenvolvedores, o que se producirá o próximo 25 de abril, aínda que con algunhas excepcións coas aplicacións ligadas ao mundo profesional e á produtividade. Para moitas, este movemento de Google interprétase como comezo da fin de Hangouts, mais independentemente de que Google acaba por poñer fin a Hangouts o que parece máis claro é que buscan pór o foco no uso empresarial.

Semella claro que o obxectivo de Google é poñer os esforzos en Allo e Duo, mais vendo como teñen evolucionado aplicacións da competencia (WhatsApp, Telegram, Facebook Messenger…) quédalles aínda moito por avanzar para poder estar á altura e ser unha alternativa sólida a considerar.

Haberá que estar atentas ao que nos depara o futuro, e a próxima convención de desenvolvedores de Google, o I/O 2017, podería ser un bo escenario para sabelo.

Máis info | Google Developers

Sobre o autor

Reply