ZTE Blade Hawkeye, o smartphone de ZTE que sairá dunha campaña de micromecenado

Cando falamos de produtos que saen dunha campaña de micromecenado (crowdfunding) o habitual é que esteamos a falar de pequenas start ups que se poñen en marcha coa idea dun produto para o que buscan financiamento. Por iso chama a atención que un xigante como o fabricante chinés ZTE inicie unha campaña similar para lanzar un dos seus próximos smartphones. O protagonista? O ZTE Blade HawkEye.

Foi no CES de Las Vegas onde o fabricante chinés deu a coñecer o gañador do Proxecto CSX para crear un dispositivo con seguemento ocular e autoadhesivo. Ese trebello é o ZTE Blade HawkEye, que xa se pode reservar a través de Kickstarter, e que se espera sexa comercializado de maneira global durante o terceiro trimestre deste ano.

Como novidades destacadas este modelo recoñecerá o movemento dos ollos para poder facer scroll de maneira automática, tanto arriba – abaixo como esquerda – dereita, aínda que tamén poderemos optar por comandos de voz para levalos a cabo. Por outra banda, a superficie traseira será autoadhesiva, permitindo “pegar” o móbil a calquera superficie plana, de maeira semellante ao que xa podemos facer coas WTF Smart Stickers que analizamos hai unhas semanas.

En canto a especificacións técnicas, polo de agora só podemos confirmar que terá unha pantalla FHD de 5,5 polgadas, dobre cámara traseira, espazo para dúas tarxetas SIM, lector de pegadas dixitais, batería con sistema de carga rápida, espazo para microSD e Android 7.0 Nougat actualizábel como principais características. Para coñecer o resto de prestacións aínda teremos que agardar unhas semanas.

Dispoñibilidade e prezo

O ZTE Blade HawkEye terá un prezo de partida de 199 dólares se facemos a reserva nestas semanas a través de KickStarter, aínda que é moi probábel que cando sexa un produto definitivo suba de prezo para as consumidoras que non teñan feito a reserva del. Chegará no terceiro trimestre do ano.

KickStarter | ZTE Blade HawkEye

Deixa un Comentario