Casio WSD-F20, o segundo dispositivo Android Wear da clásica marca de reloxos

En xaneiro de 2016 Casio anunciou o seu primeiro reloxo Android Wear, o que supuxo un importante paso adiante para unha das marcas máis senlleiras na fabricación de reloxos. Un ano despois, o fabricante anuncia un novo modelo, o Casio WSD-F20, que integrará Android Wear 2.0 e terá na resistencia a súa principal baza fronte a competencia.

Cun deseño que nos lembra ao modelo anterior, aínda que coas liñas renovadas, o novo dispositivo de Casio integra tres botóns para o control de todas as funcionalidades, así como un novo sensor GPS de baixo consumo, que ademais gardará os datos cando esteamos desconectados. Isto é posíbel grazas a que Casio incorporou unha aplicación que permite gardar as ubicacións nun mapa de MapBox, e usalas sen conexión.

Con todo, se nalgo quere diferenciarse Casio é na resistencia, sendo capaz de soportar somerximentos de até 50 metros e as inclemencias recollidas no estándar militar MIL-STD-801G. As principais son as seguintes:

  • Resistencia á area e pó
  • Resistencia á choiva e vento
  • Resistencia á humidade
  • Resistencia á presión
  • Resistencia a temperaturas extremas
  • Resistencia ás caídas e golpes
  • Resistencia ás vibracións
  • Resistencia aos líquidos corrosivos

Ao igual que no modelo anterior, Casio optou por unha pantalla “dual”, coa que poderemos elixir un modo de aforro de batería en branco e negro e ver só a hora ou facer uso normal a toda cor. Ademais, engádense dúas novas watchfaces (interfaces) pensadas para potenciar o uso do GPS.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Casio WSD-F20 foi anunciado no CES 2017, aínda que non se porá á venda até o próximo 21 de abril. Sobre o seu prezo, a compañía non se pronunciou, polo que haberá que agardar a datas máis próximas á da súa comercialización para sabelo.

Deixa un Comentario