Adeus Yahoo: Verizon merca o histórico portal, que pasará a chamarse Altaba

Meses atrás comezouse a especular coa posibilidade de que a operadora norteamericana Verizon mercase Yahoo, díxome – díxome que mesmo confirmaron directivos de ambas empresas ao asegurar que “había conversas”. A mediados de decembro, tras o hackeo sufrido por Yahoo, chegouse a especular con que Verizon podería botarse atrás na compra, mais finalmente onte á noite confirmouse a operación: Verizon comprou Yahoo, que pasará a chamarse Altaba.

Yahoo é un dos portais históricos da rede, que outrora viviu a súa época de esplendor, mais nos últimos anos foi de disgusto en disgusto, tanto polas constantes perdas como por ser nova por diversos hackeos, o máis grave o que recoñeceu o pasado mes de decembro, que afectou a máis de 1000 millóns de contas de usuarias.

Isto non afectou aos plans de Verizon, que acabou por mercar Yahoo por uns 4.400 millóns de euros ao cambio, un acordo que deixa fóra da dirección a Marissa Mayer, actual CEO, que será sustituída por Eric Brandt. Tamén abandonarán a dirección Eddy Hartenstein, David Filo, Richard Hill, Maynard Webb e Jane Shaw.

Porén, o cambio máis relevante, é o cambio de nome da compañía, que pasará a chamarse Altaba Inc., aínda que hai que sinalar que queda fóra deste acordo Yahoo Japan. Curiosamente, ese nome, Altaba, está rexistrado por unha compañía de autobuses de Castelló.

Deixa un Comentario