Orange xa comercializa o seu router híbrido ADSL e 4G

O pasado mes de setembro Orange anunciou que traballaba nun router híbrido ADSL e 4G para “acelerar” as conexións das usuarias que non teñen acceso á rede de fibra óptica, o que sen dúbida é unha boa nova para as zonas rurais, onde os plans de extensión da banda larga non adoitan ser máis que pequenos parches que non solucionan o problema da fenda dixital.

Sumando as tecnoloxías ADSL e 4G, Orange fala de que poderían acadarse unhas velocidades máximas próximas ás que ofrece a fibra, uns 100 megas en descarga, aínda que imaxinamos que na vida real teranse accesos duns 30 – 50 megas en media. Isto é posíbel grazas ao novo router Livebox Evolution, que se conecta á rede ADSL e cando a usuaria demanda máis ancho de banda habilita tamén o 4G. Ademais, a conexión móbil servirá de back up se hai algunha caída na rede fixa.

O Livebox Evolution dispón de 4 portos Gigabit Ethernet para conectar ordenadores ou calquera outro dispositivo de rede, ademais dun USB 2.0 ao que se poden conectar discos duros ou impresoras que queiramos ter en rede. Tamén leva dous portos RJ11 para enchufar até dous teléfonos fixos e espazo para unha tarxeta SIM.

Sobre prezos e dispoñibilidade, Orange confirmou que contar con este servizo engadido custa 9,90 € / mes máis ca unha conexión ADSL estándar, pero polo momento estará unicamente dispoñíbel para autónomos e pequenas empresas.

A operadora galega R puxo en marcha un proxecto en probas similar, o proxecto BATS, aínda que nese caso combínase o ADSL cunha conexión satélite e outra móbil para acadar unha maior velocidade de rede.

Sobre o autor

Reply