Vodafone comeza a actualizar a súa rede HFC para ofrecer 1 Gbps simétricos

Malia que Vodafone está a despregar a súa rede de fibra óptica até o fogar (FTTH) a bo ritmo, o certo é que a compra de ONO foi a que lle permitiu acceder a unha extensa rede de HFC (fibra + coaxial) en todo o territorio español agás en Galiza, Euskadi e Asturias, coa que chega a moitísimos máis clientes.

A compañía quere actualizar esta rede HFC para poder ofrecer ás usuarias das mesmas velocidades simétricas superiores a 1 Gbps, polo que vén de adxudicar a Huawei estes traballos, cuxa solución vai maís aló da mera actualización da rede a DOCSIS 3.1, pois supón tamén unha nova arquitectura baseada no despregamento de puntos de extensión da rede de fibra e no aumento do ancho dispoñíbel para cada cliente.

O redeseño da rede permitirá maiores velocidades, grazas ao aumento do espectro dispoñíbel e o cambio de modulación, pero tamén unha mellora operativa e de calidade da rede e maior flexibilidade e escalado, pois ábrese a porta a que desde un mesmo punto de extensión da rede de fibra póidase optar por ofrecer acceso a novas unidades inmobiliarias a través de HFC ou FTTH.

Vodafone xa ten iniciados os traballos de actualización da rede nas principais cidades, e iranse extendendo a todo o territorio estatal durante os próximos 24 meses. Unha vez concluídos, ademais de permitir maiores velocidades tamén se poderán incorporar novas canles a Vodafone TV con toda a capacidade do 4K.

About The Author

Reply