A Play Store actualízase con interesantes novidades

A Play Store de Google está actualizándose silenciosamente á versión 7.4, traendo consigo varias novidades interesantes, aínda que cómpre que destaquemos tres delas, as máis interesantes para todas as usuarias.

A primeira novidade é que poderemos colocar as aplicacións en base a diferentes criterios. Até o de agora só podíamos consultar as aplicacións instaladas por orde alfabética, pero desde a versión 7.4 da aplicación tamén se nos permitirá elixir outros criterios, como o tamaño, a cronoloxía de uso ou pola orde na que foron actualizadas, de maneira que as diferentes preferencias das usuarias quedan máis cubertas.

Outra novidade é que até o de agora Google permitía compartir aplicacións con até seis familiares, sempre que o desenvolvedor tivese activada esta opción, aínda que sen darlle control sobre o que se mercaba á usuaria administradora da conta. Desde esta versión 7.4 todas as compras das apps deberán ser autorizadas pola persoa que teña posto o medio de pago e non poderá facer calquera integrante da conta familar, mesmo podendo chegar a bloquear todo tipo de compras na Play Store.

Para rematar coas novidades, temos que falar dunha que nos gusta un chisco menos. Dicimos isto porque todo apunta a que a partir de agora, para instalar un xogo no noso dispositivo, deberemos ter instalado si ou si Google Play Games, e de non ser así non poderemos rematar a instalación. Aínda que Play Games mellora a xogabilidade ae a sincronización de datos na mesma conta, conservando puntos e niveis cos avances que facemos nos distintos dispositivos que poidamos ter configurados, non resulta de todo agradábel que teña que ser obrigatorio ter esa app instalada, úsese ou non, para instalar un xogo.

 

Todas estas novidades iranse activando ás diferentes usuarias nos próximos días, segundo vaia chegando a nova versión da tenda de apps de Google a cada dispositivo.

Sobre o autor

Reply