Samsung Galaxy C7 Pro: gran pantalla e boas prestacións por menos de 400 euros

Samsung anunciou un novo dispositivo Android en Corea do Sur, o seu país de orixe. Trátase do Samsung Galaxy C7 Pro, un trebello de grandes dimensións que, sendo un dispositivo de gama media, leva unhas especificacións bastante interesantes.

O dispositivo vén cunha pantalla de 5,7 polgadas e resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles), e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 626, de oito núcleos a 2,2 GHz. Xunto a el atopamos unha memoria RAM de 4 GB e opcións de 32 ou 64 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD de até 256 GB.

No apartado multimedia temos dúas cámaras, frontal e traseira, de 16 megapíxeles, a principal con flash LED. A batería ascende a 3300 mAh e, complementando as súas especificacións, temos USB Tipo C e sensor de pegadas dixitais. Como sistema operativo emprega Android 6.0.1 Marshmallow.

Pasando a falar do seu deseño, o aspecto frontal é “moi Samsung”, incluíndo o botón de inicio que podería desaparecer este ano no Galaxy S8. A parte traseira, fabricada ne metal, destaca por ser totalmente lisa e continua, curvándose nos laterais para facilitar o agarre.

Dispoñibilidade e prezo

O Samsung Galaxy C7 Pro comercializarase, en principio, só en Corea do Sur. O seu prezo é duns 380 euros ao cambio, e está dispoñíbel en tres cores, dourado azul e rosa.

Polo de agora non está prevista a súa expansión internacional, aínda que se cadra isto muda nas próximas semanas ao non ter Samsung ningún modelo relativamente actual de características similares á venda no noso país.

Sobre o autor

Reply