Facebook copia as Stories de Instagram e engade publicidade en Messenger

Se algo funciona… cópiao até a saciedade. Esa é unha das máximas que move o mundo tecnolóxico: se alguén fai algo que funciona, hai que copialo / reinventalo / integralo na aplicación propia para arañar usuarias. Un dos exemplos máis claros disto son as Stories de Instagram, publicacións efímeras copiadas da funcionalidade estrela de Snapchat, e que agora Facebook (dona de Instagram) levará á súa aplicación principal.

As Facebook Stories xa están dispoñíbeis en Irlanda nunha primeira fase de probas, mais nos próximos meses irá chegando ao resto de países. Ademais, malia non terse feito unha presentación oficial desta funcionalidade, a compañía publicou un vídeo no que explica o seu funcionamento.

Como se pode ver no vídeo en cuestión, o funcionamento é idéntico ao das Stories de Instagram: basta con facer un pequeno vídeo ou foto, personalizar a publicación con textos, stickers ou outros adornos e elixir con quen queremos compartir ese contido. Estas publicacións aparecerannos na parte superior da aplicación móbil e estarán visíbeis durante 24 horas.

Publicidade en Facebook Messenger, pero con matices

Por outro lado, e logo de ter avisado, Facebook vén de confirmar que a partir desta semana comezará a aparecer nalgúns países publicidade na aplicación de mensaxería, Facebook Messenger. Porén, as usuarias non veremos (de momento) anuncios nas nosas conversas con outras usuarias, pero si que poderán aparecer ao iniciar unha conversa con unha marca.

Nun primeiro momento serán Australia e Tailandia os países elixidos para as probas, pero a idea é que este sistema vaia estendéndose a outras localizacións nos próximos meses. En calquera caso, semella que poderemos elixir dalgunha maneira os anuncios que queremos ver.

Sobre o autor

Reply