[Actualización: Yoigo recúa e volve ás condicións anteriores] Yoigo renova tarifas e condicións, prohibindo o tethering e limitando a calidade de YouTube

[Actualización 27/01/2017] Yoigo vén de anunciar a través das súas redes sociais que volverá ás condicións anteriores, é dicir, que eliminará as prohibicións relativas aso tethering e as limitacións da calidade no streaming.

[Fin da actualización]

Yoigo anunciou hoxe novas tarifas, tanto móbiles como converxentes, mais tamén cambios nas condicións do servizo que afectarán a todas as usuarias, aínda que de maneira paulativa. Estes cambios van na liña de restrinxir a liberdade das usuarias da operadora.

Os cambios de condicións aplicaranse ás novas clientas a partir do 16 de febreiro, e para as usuarias actuais da compañía desde o 16 de marzo. Os máis rechamantes son os seguintes:

  • Prohibición do tethering. As usuarias de Yoigo non poderán compartir os datos da súa tarifa nun dispositivo alleo ao que teña a SIM insertada. É dicir, que Yoigo prohíbe que poidamos usar o noso móbil para dar conexión a outros trebellos, como tablets ou portátiles, no que se coñece como tethering.
  • Prohibición do cambio manual de rede. Actualmente as usuarias poden seleccionar manualmente entre as redes de Movistar e Orange, escollendo a que mellor cobertura teña, pero a partir do próximo mes estará prohibido.
  • Redución da resolución en streaming. Malia ter redes cada vez máis rápidas e vídeos de maior calidade, Yoigo tamén capará a resolución dos vídeos en servizos como YouTube ou Netflix, limitándo a 480 kbps.
  • Redución das chamadas nas tarifas “ilimitadas”. Alén de todas as restricións que Yoigo viña aplicando na súa “política de uso razoábel” das chamadas de voz, agora súmase a limitación de hora e media na duración máxima de chamada, e un máximo de 6 horas seguidas.

“Non son prohibicións”

Malia o que din as condicións, Yoigo asgura que estas condicións “non son directamente prohibicións”, que só as poñen para evitar abusos de usuarias que fagan uso constante da compartición de datos ou permanezan conectadas a unha rede diferente da de Yoigo de maneira permanente. Haberá que agardar a ver como se comporta a operadora unha vez entren en vigor estas novas condicións.

Novas tarifas

Yoigo tamén estrea dúas novas tarifas, co que a oferta da compañía queda con estas catro alternativas:

  • La del Cero 1,5 GB (nova): 12 €/mes. Leva 1,5 GB a velocidade 4G e chamadas a 0 cént/min.
  • La del Cero 5 GB: 19 €/mes Leva 5 GB a velocidade 4G, 100 minutos de voz e, a partir de aí, chamadas a 0 cént/min.
  • La Infinita 5 GB (nova): 25 €/mes. Leva 5 GB a velocidade 4G e chamadas ilimitadas.
  • La Sinfín: 32 €/mes. É a tarifa estrela de Yoigo: leva 25 GB de datos e chamadas ilimitadas.

Quen queira ter unha tarifa converxente pode optar polos novos “combinados”, que se resumen na seguinte tabla, cada un deles vencellado a unha tarifa móbil.

De preferir fibra a 300 megas a cota mensual sube en 10 euros.

Máis info | Condicións

Sobre o autor

Reply