Os operadores apagarán antes as redes 3G cás 2G

As operadoras móbiles que operan no noso país teñen previsto apagar as súas redes 3G no ano 2020. Porén, as redes GSM (2G) vivirán aínda uns anos máis, cando menos até o 2025. E é que, malia ser unha tecnoloxía menos avanzada, o 2G aínda é empregado nas conexións de ducias de máquinas.

A primeira rede 2G comezou a operar no Estado en 1994 sobre as bandas de 900 e 1800 MHz, co fin de dar servizo de voz e SMS, mentres que o 3G apareceu no 2002, orientándose aos datos móbiles nas bandas de 900 e 2100 MHz.

De cumprirse as previsións, as redes UMTS pasarán a mellor vida a favor do 4G, dado que para o 2020 xa se terán completado os traballos de extensión de cobertura e renovado o parque de terminais, de maneira que todos serán compatíbeis con estas redes.

Porén, as bandas máis baixas do 2G seguirán operativas para conectar obxectos e usuarias que manteñan terminais antigos non compatíbeis co 4G. Estes últimos representan unha porcentaxe mínima, pois apenas quedan usuarias que conversan polo móbil baixo as redes 2G. De feito, as operadoras paquetizan a voz como se fosen datos a través das redes 4G, que xa cubren o 95% da poboación.

A situación noutros países

Nos Estados Unidos a operadora AT&T apagou as redes 2G o pasado 1 de xaneiro, logo de un proceso de transición no que a compañía subvencionou a migración e renovación de terminais, e informou ás usuarias afectadas da necesidade de renovación para non quedar sen poder facer nin recibir chamadas. En Singapur este apagado farase o 1 de abril, e noutras latitudes como Xapón e Corea do Sur xa o teñen feito hai algún tempo.

Sobre o autor

Reply