O próximo 15 de xuño de 2017 será un día histórico, pois ese día porase fin aos cargos polo roaming europeo que aplican as operadoras por facer uso das chamadas, SMS ou datos nas viaxes dentro da Unión Europea. Logo de varios borradores, hai unhas semanas quedou claro que as usuarias non asumirán os custes, aínda que si que haberá uns límites dentro do “uso razoábel”.
Para seguir avanzando no proceso, a Comisión Europea fixou esta madrugada os prezos máximos que os maioristas poderán cobrar polo acceso ás súas redes, é dicir, as cantidades máximas que poderán cobrarse uns operadores aos outros cando teñan que atender a unha usuaria en itinerancia.
Estes prezos maioristas serán dun máximo de 3,2 céntimos / minuto, 1 céntimo o SMS e 7,70 euros o GB de datos. Neste último caso, tamén quedou fixada unha baixada progresiva dos prezos que rematará no 2020 con 2,50 euros por GB.
O acordo debe ser ratificado agora polo Parlamento e o Consello Europeo, pero en calquera caso a data da fin do roaming para as usuarias non vai cambiar. Como diciamos antes, as usuarias non terán límites temporais ou de uso no extranxeiro, aínda que as compañías poderán pedir explicacións (e penalizar) se detectan usos abusivos ou se queda demostrado que a intención é usar unha tarxeta unicamente no extranxeiro.